publicidade hoxe

O fogar Sor Eusebia percibe unha achega de 24.000 euros para o mantemento da casa de acollida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Beatriz Mato na xuntanza co Fogar Sor Eusebia

Beatriz Mato na xuntanza co Fogar Sor Eusebia

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mantivo hoxe na Coruña unha xuntanza coa directiva do Fogar Sor Eusebia, unha entidade de iniciativa social que recibiu este ano unha axuda do departamento autonómico de máis de 24.000 euros para o mantemento da súa casa de acollida. O centro conta con 62 prazas e alberga principalmente a enfermos terminais.

Mato recordou que a orde de inclusión renovouse este ano e chegará a un total de 105 entidades de iniciativa social de Galicia. Esta convocatoria ampliou o seu orzamento en 370.000 euros, ata chegar aos 3,25 millóns de euros, o que supón un 13 por cento máis do que se destinaba a este fin en 2012.

A titular de Benestar afirmou que o obxectivo destas subvencións é financiar e apoiar o desenvolvemento de programas e servizos por parte das entidades que traballan coas persoas que máis o necesitan.

A orde deste ano foi distinta da de anos anteriores ao reforzarse e incluír novidades importantes como foi a unificación das tres ordes que existían anteriormente (de comedores e albergues; de programas de inclusión para entidades; e de programas dirixidos ás persoas inmigrantes) nunha soa, dado que as entidades que optaban a estas tres convocatorias adoitaban ser as mesmas. Grazas a isto, facilítase o proceso de solicitude e permite que as organizacións centren os seus esforzos na atención ás persoas.

Ademais, incluíuse como requisito que a contía das axudas estivera directamente vinculada á cantidade de persoas que atende cada entidade. A máis persoas, maior é agora a axuda pública. A través desta orde, ademais, fináncianse os albergues, comedores e centros de acollida que contaron este ano cun orzamento de 1,25 millóns de euros.

En materia de inclusión social, ademais, a Xunta está a destinar este ano 35,3 millóns á Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), un 50 por cento máis que o orzamento inicial de 2012. Trátase dun crédito ampliable, co fin de dar resposta a quen o precise. Así mesmo, o investimento en axudas de emerxencia social aumentou nun 50 por cento en 2013.

13 de decembro de 2013 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.