O filial do Azkar vence na cancha do cuarto clasificado, o Universidad de Valladolid

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugo
A-
A+

Gran triunfo e gran racha de resultados que acumula o filial do Azkar Lugo. Os lucenses lograron o pasado sábado unha difícil vitoria na cancha do Universidad de Valladolid (2-3), equipo que curiosamente antes da xornada era cuarto e agora é terceiro. Os azuis realizaron un choque serio, intelixente e xogando as súas bazas o que lles deu unha vitoria de prestixio para acumular a súa cuarta xornada sumando puntos.

O inicio do choque foi mellor por parte dos lucenses o que lles serviu para adiantarse ao minuto 2 co gol de Manu (0-1). Os vallisoletanos, quizais sorprendidos polo gran inicio dos galegos, non reaccionaban e a punto estiveron os pronistas de ampliar a vantaxe no marcador. Pero o Universidad de Valladolid empataría o choque co 1-1 ao minuto 9, o que lles deu alas aos casteláns que dominaron posteriormente. O Azkar B soubo sufrir neses momentos e conseguiu o máis importante, poñerse por diante de novo co 1-2.

Tralo paso por vestuarios e como sucedera ao comezo do choque, o Azkar Lugo B tras un rexeite conseguía un novo tanto e colocaba o 1-3 no marcador aos dous minutos da reanudación. O partido transcorría coa vantaxe de dous goles dos lucenses aínda que aos poucos os locais parecían apropiarse do encontro. No ecuador do segundo acto, chegaba o 2-3. Entón o Azkar Lugo B creceuse en defensa e desde aí acabou por levarse os puntos. Intentou sen acerto aproveitar algunhas das súas ocasións, pero o certo é que nos minutos finais tocoulle sufrir. Illi detería un lanzamento de dobre penalti e o meta lucense xunto coa súa defensa tiveron que axuntar esforzos cando nos minutos finais o Valladolid atacaba con porteiro-xogador. Pero a defensa lucense foi impecable e os tres puntos voaron cara a Lugo.

Ficha técnica:
Universidad de Valladolid 2: Félix, Daniel, Carlos, Adrián e Enrique, -cinco inicial-, Sergio, Álvaro, Luís Javier, Miguel, Víctor, David e Mario.
Azkar Lugo B 3: Nacho, Manu, Rubén Mouriz, Asier e Javi Río, -cinco inicial-, Cabanas, Cancio, Cristian, Miguel e Illi.
Árbitros: Moreno de Santos e Rodríguez Garrido (Segovia). Amonestaron con tarxeta amarela a Víctor, David e Sergio (Valladolid) e a Cancio e Javi Río (Azkar B).
Incidencias: 10ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Pavillón Fuente La Mora.
Goles: 0-1 min. 2 Manu, 1-1 min. 9 Álvaro, 1-2 min. 14 Javi Río, 1-3 min. 23 Asier e 2-3 min. 30 Mario.

O Azkar Lugo B descansará este próximo fin de semana na que será a 11ª xornada de liga ao ser este un grupo impar.

2 de decembro de 2013 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.