O filial do Azkar Lugo cae ante o Albense nunha recta final desafortunada
O filial do Azkar Lugo non puido finalizar o 2013 sacando algo positivo da pista do Don Ulpiano Albense ante o que caeu por 8 goles a 4, un resultado demasiado abultado xa que o choque foi moito máis igualado do que reflectiu o marcador final. Os lucenses souberon neutralizar ben os goles iniciais dos salmantinos, pero os puntos escapáronse na recta final cando os galegos buscaban igualar a contenda coa estratexia de porteiro-xogador.
Ao Azkar Lugo B puxéronselle moi en contra as cousas no inicio do choque xa que un mal arranque facía que os salmantinos mandasen xa ao minuto 9 por 2 goles a 0. Pero a reacción azul non puido ser máis inmediata e dous goles de Javi Río deixarían ao descanso o partido aberto coas táboas no marcador e cun partido moi igualado. No inicio do segundo periodo os locais volvían adiantarse no luminoso, pero de novo os lucenses volvían contrarrestar ese gol (3-3). Cun partido sen claro dominador, os lucenses puideron adiantarse no marcador, pero serían os salmantinos os que con dous goles poñían terra polo medio. Aínda así o Azkar Lugo B seguía loitando por traerse algo positivo de terras castelás e Javi Río poñía o 5-4 a 9 minutos para a conclusión. Un novo gol do Albense a catro minutos para o final obrigaba aos pronistas a arriscar con porteiro-xogador e aí os locais amosáronse seguros e aproveitaron dous roubos para sentenciar o choque (8-4).
Ficha técnica:
Don Ulpiano Albense 8: Carlos, Chuchi, Carlos Sierra, Dani Chino e Pablo, -cinco inicial-, Pipe, Isaac, Óscar, Mini e Jaime.
Azkar Lugo 4: Nacho, Manu, Rubén Mouriz, Cancio e Javi Río, -cinco inicial-, Porto, Adrián, Asier e Diego.
Árbitros: Merino González e Moreno de Santos (Segovia). Amonestaron con tarxeta amarela a Carlos Sierra e Carlos (Albense) e a Javo Río e Rubén Mouriz (Azkar B).
Incidencias: 13ª xornada de liga no grupo I da 2ª división B. Pavillón Alba de Tormes.
Goles: 1-0 min. 4 Carlos Sierra, 2-0 min. 9 Carlos Sierra, 2-1 min. 12 Javi Río, 2-2 min. 17 Javi Río, 3-2 min. 22 Pipe, 3-3 min. 22 Rubén Mouriz, 4-3 min. 27 Mini, 5-3 min. 31 Pipe, 5-4 min. 31 Javi Río, 6-4 min. 36 Isaac, 7-4 min. 37 Dani Chino e 8-4 min. 38 Pipe.











