O Festival Internacional da Lusofonía “Cantos na Maré” reunirá en Pontevedra a Amancio Prada, Vitor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño
Unha das edicións máis coidadas e intimistas de Cantos na Maré reunirá a Amancio Prada, Vitor Ramil, Gabriela Mendes, Luiz Caracol e Budiño no Pazo da Cultura de Pontevedra o 11 de xaneiro de 2014. Chegados do Bierzo, Brasil, Cabo Verde, Portugal e Galicia, respectivamente, estes cinco artistas desenvolverán de xeito conxunto un repertorio exclusivo para o festival, baixo a dirección artística de Uxía e a dirección musical de Paulo Borges.
Todos eles manteñen un forte vínculo coa literatura e teñen musicado aos seus poetas de referencia. Amancio Prada é un dos mellores coñecedores de Rosalía de Castro, a quen este ano lle dedicou o espectáculo A Rosalía de Federico. Ademais, ten composto temas con textos doutros escritores destacados das nosas letras como Álvaro Cunqueiro. Un dos discos máis coñecidos de Vitor Ramil, Délibáb, contén letras de Borges e do poeta brasileiro João da Cunha Vargas. Este brasileiro gaucho, que conserva un exemplar de Cantares gallegos como ouro en pano, estará por primeira vez na terra dos seus antepasados galegos. Gabriela Mendes canta os temas dos mellores compositores e poetas caboverdianos, tales como Vasco Martins, Tcheka, Manuel d’Novas e Dany Mariano. O primeiro disco de Luiz Caracol, un dos artistas revelación portugueses deste ano, inclúe poemas de Pessoa e Mia Couto. E o disco que vén de presentar Budiño en 2013, Sotaque, contén un tema sobre un poema de Celso Emilio Ferreiro. Todo isto traerá como resultado un Festival Internacional da Lusofonía poético, que xirará en torno á figura de Rosalía de Castro, como peche musical do ano no que celebramos o 150 aniversario da publicación da súa obra Cantares Gallegos.
Así o anunciaron esta mañá en rolda de prensa no Concello de Pontevedra Anxos Riveiro, concelleira de Cultura; Uxía, directora artística do proxecto; Paco de Pin, produtor; e Budiño, artista convidado desta edición. Como explicou Uxía “Cantos na Maré é moito máis que un festival, é un encontro de xeografía humana, onde persoas doutras culturas entran en contacto coa nosa”. Neste sentido interveu Budiño: “grazas a Cantos na Maré tiven a oportunidade de coñecer a músicos que admiraba, como Sara Tavares e Lenine, e mesmo traballar con eles despois”. Prometeu a súa entrega total nesta edición e afirmou que está disposto non só a tocar, “senón tamén a cantar, bailar ou que faga falta”
Pola súa parte, Anxos Riveiro destacou que “nesta edición contamos cun cartel extraordinario co que descubrimos grandes artistas”. E Paco de Pin definiu Cantos na Maré como “un exemplo de como se pode cooperar e ampliar fronteiras con poucos recursos”. Lembrou que todos os anos se esgotan as entradas, “que son un gran regalo de Reis”. As entradas xa están á venda ao prezo de 28€ a través do servizo de Servinova (www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500).
Cantos na Maré poético
O traballo de Amancio Prada tivo sempre unha base literaria que, ao longo da súa discografía, foi conformando un percorrido antolóxico pola lírica peninsular. Así mesmo, demostrou a necesidade de manter o vínculo coa música tradicional. Reivindicou e reinventou o folclore, amosando sempre un gran respecto polas nosas raíces. É, polo tanto, un músico culto e popular ao mesmo tempo. Demostrou que os clásicos seguen sendo actuais e que a música popular segue sendo necesaria para mirar ao futuro.
Vítor Ramil é autor da teoría que se coñece como “A estética do frío”, unha revisión das súas raíces sureñas, do Río Grande do Sul, na que reformula o estereotipo gaucho. A súa música mestura experimentación a partir da tradición musical, con harmonías abertas, melodías hipnóticas e letras cheas de poesía. Para o seu último disco, Foi no mês que vem, contou coa participación de grandes músicos do Brasil, Arxentina e Uruguai, entre eles, Jorge Drexler, Milton Nascimento, Fito Paez, Ney Matogrosso e Marcos Suzano.
Discípula da diva Cesária Évora, Gabriela Mendes descubriu o pracer de cantar nas noites de “tocatina”. A súa música está baseada nos ritmos tradicionais do seu país, que reflicten os sentimentos e a vida cotiá dos caboverdianos. A soidade, tristeza e nostalxia da morna, xunto á mestura perfecta de alegría e baile da coladeira. Desde o seu debut non parou de xirar por festivais, salas e teatros desta beira (Alemaña, Holanda, Bélxica, Suíza, Austria ou Luxemburgo) e da outra do Atlántico (Estados Unidos e Canadá).
Luiz Caracol é un dos artistas revelación de Portugal neste ano. Foi criado dende cativo nun ambiente de mestura cultural, rodeado de xentes que tiñan regresado a Portugal dende Brasil e África despois 25 de Abril, e isto reflíctese na súa música. Acaba de presentar o seu primeiro disco, Devagar, que inclúe colaboracións de Sara Tavares, Jorge Drexler e Pierre Aderne.
Budiño é un artista atípico e un dos nosos músicos máis internacionais. Compositor incansable, enraíza a súa música na tradición galega mesturada sutilmente cos sons máis contemporáneos. Acaba de presentar Sotaque, un traballo cheo de sutileza e vitalidade, coa impronta da música tradicional, xunto coa utilización da electrónica co seu acento propio. Para este álbum contou coa colaboración de António Zambujo, Luis Tosar, os Cantareiros do Fiadeiro e Michael McGoldrick.
Actividades paralelas
Cantos na Maré é moito máis que un festival e este ano propón unha serie de actividades paralelas ao festival organizadas xunto con institucións cun importante peso no espazo urbano, como a Universidade de Vigo. Todas eslas son de acceso libre e gratuito ata completar aforo.
O venres 10 de xaneiro ás 20:00h haberá unha charla musicada con Amancio Prada en torno á figura de Rosalía de Castro e Federico García Lorca. Será na Casa das Campás e os asistentes a este encontro terán a oportunidade de gozar dun momento íntimo con este artista ao que tanto lle inspiraron os textos destes dous grandes poetas.
Rosalía tamén estará presente noutra charla na Casa das Campás que pretende afondar na relación entre música, poesía e artes plásticas a través de dúas obras: o libro-disco Rosalía pequeniña de Uxía Senlle, con ilustracións de Marina Seoane, e o libro-disco Na lingua que eu falo de Najla Shami, con fotografías de Ainoa Calvo. Será o xoves 9 ás 20:00h e os participantes terán a oportunidade de desentrañar con estas catro artistas o proceso creativo destas obras.
Durante os ensaios do concerto desta edición desenvolverase unha sesión práctica de son, iluminación, produción técnica e estruturas, impartida por profesionais experimentados nestas materias. Esta actividade está dirixida a estudantes das escolas de imaxe e son de Galicia, e pretende ser una ferramenta para a súa capacitación profesional, ofrecédolle unha experiencia real nun evento musical único.
Por último, os estudantes de primaria e secundaria terán a oportunidade de asistir a unha demostración didáctica cun dos músicos invitados a Cantos Na Maré 2014: Xosé Manuel Budiño. Unha experiencia vibrante onde poderán coñecer algúns instrumentos, as diferentes sonoridades que poden conseguirse con eles e as emocións que poden expresarse a través da música.