O éxito da campaña de recollida de alimentos desenvolta en Lalín recada 1.965 quilos de produtos non perecedoiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Mª Paz Pérez anuncia que “o vindeiro mércores pola mañá persoal de Protección Civil trasladará os produtos recadados ao almacén de servizos sociais, que farán entrega dos mesmos nos vindeiros meses ás familias con escasos recursos do concello”

A concelleira de Benestar, Mª Paz Pérez Asorey, indica que “a campaña de recollida de alimentos que se fixo a pasada fin de semana no Hipermercado Eroski de Lalín foi todo un éxito de participación”. “En total recadáronse, a través das doazóns, 1.965 quilogramos de alimentos”, afirma.

“Pese a coincidir a fin de semana cunha ponte, centos de persoas deixaron nos contedores distintos produtos non perecedoiros a curto prazo, dos que destaca, sobre todo, leite, aceite de oliva e xirasol, legumes e pasta”, sinala.

Mª Paz Pérez anuncia que “o vindeiro mércores pola mañá persoal de Protección Civil trasladará os produtos recadados ao almacén de servizos sociais, que farán entrega dos mesmos ao longo dos vindeiros meses ás familias con escasos recursos do concello, incluídas no programa de alimentos municipal”.

A responsable municipal agradece unha vez máis o xesto de solidariedade da veciñanza lalinense coas persoas máis necesitadas “xa que esta campaña de recollida de alimentos non sería posible sen a súa colaboración, así como aos máis de 20 voluntarios/as que axudaron durante toda a campaña, así como ao persoal do Hipermercado Eroski de Lalín”.

Pola súa parte, a xerente do Hipermercado Eroski Lalín, Geni Sánchez adianta que o establecemento fará a maiores unha doazón de produtos de primeira necesidade, sen concretar aínda.

Todas as persoas que desexen máis información sobre a campaña ou facer algunha achega, a título persoal e particular, poden poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais do Concello de Lalín no teléfono 986780014.

10 de decembro de 2013 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.