O executivo de Ames traslada a alumnos e profesores do IES os parabéns polos galardóns recibidos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
O rexedor con estudantes e profesores

O rexedor con estudantes e profesores

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, achegáronse esta mañá ata o IES de Ames para manter un encontro coa directora do centro, Marisol Louro, e cos alumnos/as e profesores/as que ao longo deste curso recibiron diferentes galardóns nacionais e galegos nos que se premia o seu traballo e esforzo. O rexedor e o concelleiro trasladáronlle á comunidade educativa os parabéns do Concello polos premios recibidos por varios proxectos como son o estudo sobre os petroglifos de Ames, a posta en marcha dun musical ou as súas análises sobre os medios de comunicación ou o cine.

Santiago Amor felicitou á comunidade educativa polos “importantes galardóns que vides de conseguir no eido educativo, uns premios que poñen de manifesto a calidade das ensinanzas que se ofrecen no IES de Ames”. O rexedor destacou que todos os traballos “foron recoñecidos a nivel galego e nacional pola súa calidade, orixinalidade, esforzo e traballo” e engadiu que “sen dúbida algunha, o esforzo e a constancia de profesorado e alumnado do IES de Ames traspasan as fronteiras do noso municipio e transmiten os valores que as novas xeracións de mozos e mozas deben aprender para realizarse como persoas”.

Tanto o rexedor como o concelleiro aproveitaron a visita para animar a alumnos e profesores “a seguir traballando e a seguir levando nos vosos proxectos educativos o nome de Ames. Estou seguro que, debido ao voso esforzo e tesón, seguirán chegando moitos recoñecementos máis para o IES de Ames”, finalizou. A directora do centro lembrou o traballo desenvolvido nos proxectos polos profesores do IES, destacando a implicación de Eva Garea, Kiko Bouza, Margarita Olivar, Renata Otero, Antonio Vázquez, do departamento de lingua, do departamento de música e da xornalista Nazaret López.

Catro galardóns

Nos últimos meses, o IES de Ames foi merecedor de catro galardóns e quedou finalista nos premios á Acción Maxistral, convocados pola Fundación de Axuda contra a Drogadicción (FAD), a Comisión Nacional Española de Cooperación coa Unesco e o BBVA. Ademais, esta tarde unha representación do IES visitará a Cidade da Cultura para recibir un recoñecemento a estes éxitos da man do conselleiro de Educación.

Neste curso, o IES de Ames recibiu o Premio Nacional de Educación outorgado polo Ministerio de Educación e Cultura polo traballo ‘Os petroglifos de Ames’. O obxectivo deste traballo, coordinado pola profesora Eva Garea, é dar a coñecer os petroglifos de Ames á poboación, tanto no seu significado como na súa ubicación ou necesidade de protección. Trátase dun proxecto de investigación sobre os conxuntos de arte rupestre do Concello de Ames co obxectivo de facer unha exposición, unha guía de localización e recompilar toda a documentación necesaria para dar a coñecer o patrimonio do noso entorno.

O centro educativo amiense tamén foi galardoado co Premio á Innovación Educativa en Galicia polo musical ‘O eslabón. Viaxe no tempo’. Este completo espectáculo inclúe teatro, música, danza, malabarismos, acrobacias e aspectos técnicos como escenografía, iluminación e son, vestiario e maquillaxe. Na representación do musical participaron directamente un total de 84 alumnos/as. Ademais, na realización da escenografía participaron arredor de 140 rapaces.

‘Viaxe no tempo’ é unha experiencia educativa bianual, que consiste na realización dunha obra escénica orixinal que integra teatro, música, danza, malabarismos, acrobacias, cun fío argumental que supón un percorrido histórico dende un futuro inmediato ao bordo do colapso, ata unha serie de figuras relevantes na historia da humanidade. A participación de case todos os departamentos do instituto no proxecto xustifica a consideración deste musical como un modelo de transversalidade e colaboración entre departamentos cun obxectivo común.

Ademais, dúas alumnas do IES de Ames recibiron o Premio CEU de Periodismo e Investigación, dentro do XIX Certamen San Viator de Investigación en Ciencias e Humanidades. As dúas alumnas premiadas presentaron no curso pasado (cursaban 2º de Bacharelato), un traballo que aborda o papel das emocións e a razón na recepción das mensaxes audiovisuais, en especial os asociados aos documentais e reportaxes de divulgación científica. O traballo, presentado baixo o título de Epistemass. Mentiras y verdades en los medios de comunicación foi seleccionado polo xurado de entre os máis de 400 traballos procedentes de toda España. Este traballo tamén estivo coordinado pola profesora Eva Garea.

Outro traballo realizado polos alumnos/as do IES de Ames tamén foi merecedor do Premio de Historia da Cinematografía 2013, concedido polo Instituto de la Cinematografía y las Artes Audiovisuales (ICAA), dependente do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Na categoría do Bacharelato premiouse ao IES de Ames polo traballo ‘¿De qué hablamos cuando hablamos de amor? La construcción histórica del amor’, a propósito da triloxía Matrix. Este recoñecemento débese “ao uso do cine como instrumento pedagóxico ao empregar as películas como fontes en si mesmas de análise e estudo de conceptos filosóficos”.

17 de decembro de 2013 | 19:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.