O executivo de Ames outorgou en 2013 máis de 430 licenzas entre obras maiores e menores
Dende o mes de xaneiro ata o día de hoxe, o Concello de Ames concedeu un total de 435 licenzas de obras maiores e menores. A pesar da mala situación que está atravesando o sector da construción o Concello de Ames continúa a rexistrar solicitudes de licenzas urbanísticas para acometer diferentes traballos nos núcleos rurais e nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro.
A maioría destes permisos, un total de 396, correspondéronse con actuacións menores, entre as que se atopan o pintado e encintado de fachadas, construcións de muros de pedra, arranxo de fiestras ou outros traballos de mantemento.
O departamento de Urbanismo do Concello de Ames tramitou outras 39 concesións que se corresponderon con licenzas de obra maior, entre as que se inclúen a construción de vivendas novas ou a rehabilitación de inmobles para ser habitados.
A falta de que remate o mes de decembro, as cifras de licenzas concedidas no Concello de Ames durante este 2013 achéganse ás rexistradas no ano anterior, cando se sumaron 500 licenzas de obras menores e maiores.











