O Edificio Multiusos de Monforte acolle a comedia teatral “Go On”
O vindeiro mércores día 11 de decembro, a compañía teatral “Malasombra Producións” regresará ó auditorio do Edificio Multiusos para regalarnos outra noite de sorrisos.
Jouse Garcia e Xoque Carbajal protagonizarán “Go On”, unha delirante comedia escrita por José Luis Prieto e dirixida por Marcos Orsi, que parte dunha premisa pouco científica, “logo da chegada do home á lúa, á humanidade só lle faltaba un reto: a chegada do home a Galicia”.
No ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso), dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea. Toda unha experiencia límite, na que os seus protagonistas viven situacións extremas como o terrible ataque do desapiadado can de palleiro. “Go On” é un completo folleto turístico que servirá para que outros ousados viaxeiros saiban como conseguir alimento nas festas gastronómicas ou como identificar á Santa Compaña. Tamén é unha guía de primeiros auxilios con recomendacións necesarias como que facer logo de ser salvaxemente agredido por un toxo ou que facer logo de limparse o cu con ortigas.
A representación levarase a cabo o mércores día 11 de decembro ás 20:15 h. no Edificio Multiusos.
O prezo da entrada xeral será de cinco euros. O prezo da entrada para estudantes, parados e xubilados será de tres euros.