O Dispositivo Especial de Prevención intervén en 400 incidencias na Coruña
O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Seguridade Cidadá que dirixe Xullo Flores, informa de que o Dispositivo Especial de Prevención despregado con motivo da ciclogénesis Dirk que afectou á cidade desde o luns 23 de decembro, realizou unhas 400 intervencións nas que non houbo que lamentar danos persoais.
O operativo arrincou o luns 23 de decembro, a partir das 18.00 horas, co peche do acceso aos parques, xardíns e praias da cidade, debido ao comezo do temporal e á alerta vermella que se decretou a última hora do día debido ao vento e ao estado da mar. A partir deste momento recibíronse 120 chamadas por incidencias menores, destacando dúas caídas de árbores na estrada de Feáns e Alfonso Molina no acceso á rolda de Outeiro. Ademais, produciuse o esborralle dunha galería; dúas caídas de tendales na avenida dos Caídos e Bugallal Marchesi; e unha dunha uralita na rolda de Outeiro, así como dun falso teito en Monte Alto; incidencias que non provocaron danos a terceiros.
Durante a xornada do día 24, rexistráronse 260 chamadas na sala da Policía Local e 42 na de Bombeiros, sobre todo referidas a caídas de antenas, valos, tapas de sumidoiro ou farois. Entre elas, destacan as seguintes:
– Antena solta na rúa Rosalía de Castro.
– Entrada de auga por atasco na rúa Rosalía de Castro.
– Retirada de obxectos na glorieta de Matogrande.
– Retirada dun valo de madeira na rúa Montes.
– Retirada de uralitas soltas na avenida de Finisterre.
– Rotura dunha cristaleira no Palacio Municipal de María Pita.
– Caída dunha palmeira sobre a Igrexa de Santiago.
Os xardíns e parques, así como o Poboado Do Nadal, volveron abrirse ao público na tarde do día 24, excepto o parque de Santa Margarita, para evitar calquera incidencia pola caída dalgunha rama. Durante a xornada de hoxe permanecerán pechados os accesos aos areais pola alerta laranxa na costa, polo que o Concello pide a máxima colaboración cidadá e agradece que actúen con precaución e prudencia e que eviten achegarse ao litoral.