publicidade hoxe

O deseño “A chave do teu barrio” será a imaxe comercial do barrio de San Pedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Proposta gañadora

Proposta gañadora

O xurado xa elixiu a que será a imaxe-marca da sinaléctica comercial do barrio de San Pedro entre as cinco propostas que obtiveron maior número de votos das 31 presentadas ao concurso para elixir a marca deste espazo da cidade. A seleccionada leva por lema “A chave do teu barrio” e foi realizada polos arquitectos Camilo Blanco Pampín e Nuria Freire González. Tras permanecer expostas no Museo do Pobo Galego as 31 propostas recibidas, as cinco máis votadas foron avaliadas polo xurado, presidido pola concelleira de Comercio, Reyes Leis, e formado por dous profesionais do deseño e a comunicación, Enma Coello e Miguel González, e dous representantes da veciñanza, Isolina Cruz (AV Amigos de San Pedro) e Alfonso Sestelo (AV A Xuntanza). A proposta gañadora foi a presentada polos arquitectos Camilo Blanco Pampín e Nuria Freire González baixo o lema “A chave do teu barrio”. Levarán os 3.000 euros do premio e o seu deseño pasará a ser a imaxe-marca da sinaléctica comercial do barrio de San Pedro.

Tal como indican os autores, o deseño proposto ten como obxectivo “resumir nun logotipo rotundo e facilmente recoñecible toda a complexidade do barrio de San Pedro: o moderno, o antigo, o urbano, as hortas, a innovación, o lecer, a pedra, a vexetación, o Camiño…”. Para representar toda esa riqueza nunha soa imaxe, recorreron á toponimia como concepto que abrangue a totalidade do barrio. “A potencia do termo “San Pedro” no imaxinario da cidade é indiscutible, polo cal a proposta atopa no mesmo nome un valioso elemento co cal traballar”, afirman.

Segundo explican Camilo Blanco e Nuria Freire, “ese nome abstráese no elemento da chave, formado pola unión do S e do P nun trazo continuo. Como é de sobra coñecido o concepto da chave está vinculado culturalmente a San Pedro. A chave fai referencia ademais á posición do barrio na cidade, xa que xoga un papel fundamental na organización da mesma e incide na súa histórica conexión coa denominada ‘améndoa’ de Santiago.

“Nas aplicacións propostas aparece a cor como reflexo da paisaxe cultural do barrio: Os tons ocres da pedra como patrimonio e os verdes dos espazos vexetais que articulan o barrio no seu eixo norte-sur. Nas distintas propostas para carteis e banner, aparece unha sucesión de chaves concatenadas, que reforza o símbolo de pertenza ao barrio, que abre as súas portas ós novos comerciantes, visitantes e veciñanza. Deste xeito, San Pedro achega as súas chaves a todo aquel que queira formar parte do barrio”, indican os gañadores do concurso.

Este proceso de selección está incluído na iniciativa Urbana Santiago Norte, programa cofinanciado pola Unión Europea con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

30 de decembro de 2013 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.