publicidade hoxe

O derbi queda en táboas e con cinco expulsións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesLugoSantiago de Compostela
A-
A+
Encontro Azkar Lugo e Santiago Futsal. Foto: pronelugoad.com

Encontro Azkar Lugo e Santiago Futsal. Foto: pronelugoad.com

Derbi intenso, derbi igualado e derbi con cinco expulsados. Quizais o clásico galego con menos tensión dos últimos tempos, acabou deslucido por unha actuación arbitral que deixou descontento tanto ao Azkar Lugo como o Santiago Futsal que acabaron selando as táboas (2-2). Os dous técnicos, Diego Ríos e Santi Valladares, coincidiron á hora de cualificar o derbi como deslucido polos colexiados, e é que non se crían que un derbi con tan pouca tensión acabase con cinco xogadores camiño dos vestuarios.

E iso que o derbi empezou con intensidade. David Pazos estrelaba un balón no pau aos dous minutos e Aranburu facía o propio consumidos cinco minutos do choque. Eses primeiros instantes do partido eran para os compostelanos que imprimían un alto ritmo ao xogo e practicaban unha asfixiante defensa en zona alta. Pero co paso dos minutos o derbi galego igualábase, o Azkar Lugo tamén subía as súas liñas e dificultaba o inicio de xogada ao Santiago Futsal. No minuto 10 empezou o que ao final acabou por deslucir o derbi: unha dura entrada cos pés por diante de Palomeque acababa con amarela para o sete dos brancos, e tras enzarzarse Aranburu e Quintela, ambos vían vermella directa. Os árbitros decidiran cortar polo san, quizais a amarela para ambos fose suficiente para acougar os ánimos. Cos dous equipos cun home menos sobre a cancha, lucenses e santiagueses buscaban a sorpresa, pero os dous minutos consumíanse sen goles. Cun Santiago que empezaba a acumular amarelas nos seus xogadores e un Azkar que intentaba buscar o primeiro da noite, finalizaba unha primeira parte sen goles.

No segundo periodo, o Azkar Lugo saíu moito máis enchufado que o seu rival e en dúas contras dáballe un revolcón ao derbi, primeiro co gol de Antonio Diz e logo con outro de Chano (2-0). O Azkar Lugo tiña o partido onde quería, mandando no marcador. E puideron abrir máis brecha no luminoso os pronistas, pero non souberon aproveitar a súa superioridade de dous minutos pola expulsión de Lucho por dobre amarela. Escaseaban as ocasións de gol, dous equipos descentrados polas decisións dos colexiados, e é que Chano a 13 minutos para o final era tamén expulsado por vermella directa tras unha falta en media cancha. Aí o Santiago si soubo aproveitar a súa superioridade dun home máis aínda que o seu gol chegou de falta directa que chegaba a pegar na barreira e en Mendiola (2-1). Tras recuperar ao seu quinto home o Azkar Lugo, os lucenses eran castigados con faltas e faltas e máis faltas, e así a 8 minutos do final os locais cometían a sexta falta e Palomeque non fallaba desde o punto de dobre penalti (2-2). O Azkar Lugo exasperado por ver como o seu rival lle empatara o choque con dúas accións polémicas, tiña tamén outra opción de superioridade tras Hamza coller camiño de vestuarios por protestas e ver a súa segunda amarela. Pero os azuis non volvían estar demasiado finos, ata Diego Ríos intentouno nos últimos 30 segundos con Cuco como porteiro-xogador para incrementar a superioridade a 5×3, pero o partido parecía destinado ás táboas. Ambos equipos desconcertados, imprecisos e faltos de efectivos polas súas expulsións e ata quizais desexando que o derbi acabase, pese a traballalo duro durante a semana para brindar o mellor espectáculo. Ao final uns e outros daban por bo o punto e ninguén arriscou con porteiro-xogador. Iago Rodríguez gozou dunha ocasión no último minuto e o Santiago buscou o gol da vitoria en dúas últimas situacións de estratexia de banda. Pero o empate sería xa inamovible, un derbi que pasará á historia por ser menos tenso que noutras ocasións pero que acabou con cinco expulsados.

Ficha técnica:
Azkar Lugo FS 2: Mendiola, Diego Núñez, Cuco, Iago Rodríguez e Chano, -cinco inicial-, Jandri, Antonio Diz, Aranburu, Álex Diz, Zala, Rubén Mouriz e Óscar Iglesias.  Santiago Futsal 2: Juanjo, David, Lucho, David Pazos e Quintela, -cinco inicial-, Hugo, Eloy Rojas, Palomeque, Barroso, Hamza e Chus.
Árbitros: Redondo Arenales e Viedma Martín (comité castelán-leonés). Amonestaron con tarxeta amarela a Iago Rodríguez (Azkar) e a David Pazos, Hugo, Palomeque e Barroso (Santiago). Expulsaron con vermella directa a Aranburu e Chano (Azkar) e Quintela (Santiago) e por dobre amarela a Lucho e Hamza (Santiago).  Incidencias: 16ª xornada de liga en 1ª división. Palacio Municipal dos Deportes de Lugo. Uns 1400 espectadores.
Goles: 1-0 min. 23 Antonio Diz, 2-0 min. 24 Chano, 2-1 min. 28 Palomeque e 2-2 min. 32 Palomeque (dobre penalti).

21 de decembro de 2013 | 01:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.