O departamento de emprego de Ortigueira anima a mercar no comercio local con dúas vallas promocionais
A Concellaría de Emprego completaba na tarde de onte a colocación de dúas vallas que, en diante, promocionarán o comercio local de Origueira. A medida, un compromiso do goberno de Rafael Girón enmarcado no Plan municipal de dinamización do sector, busca reforzar a imaxe do comercio do municipio e fidelizar á súa clientela.
Coincidindo coa campaña e do Nadal, a que se xera maior volume de vendas, o departamento que dirixe Adolfo Maragoto acaba de instalar senllos valos na AC 862 destinadas a animar á poboación local e a cantas persoas atópanse de paso pola localidade a realizar as súas compras nos establecementos comerciais do municipio.
“Comprando no comercio local gañamos todos”, rezan os dous soportes de publicidade exterior de 3x 8 metros que se acaban de levantar. Neles alúdese, sen mencionalas, ás vantaxes asociadas ao comercio tradicional que están no imaxinario colectivo (proximidade, confianza, trato directo, emprego xerado…). Deste xeito, trátase de mellorar a percepción que do sector teñen os veciños/as, e tamén os residentes das poboacións próximas.
O obxectivo último da medida, desenvolvida grazas ao apoio económico da Consellería de Economía e Industria e do Fondo Europeo Desenvolvemento Rexional, non é outro que, segundo apunta o rexedor, “apoiar ao comercio local, buscando a complicidade e a fidelización dos habituais clientes, ademais de contribuír á captación de novos compradores/as”.
Explica o mandatario local que se trata dunha máis das medidas desenvolvidas desde o consistorio neste 2013 para favorecer a dinamización do sector e animar as vendas.
Neste capítulo, cabe lembrar que se activaron campañas como a que se está realizando en Nadal, colaborouse con iniciativas comerciais como o outlet de verán; aprobouse un programa de bonificacións no imposto de construcións (ICIO) para aqueles propietarios/as que queiran acondicionar ou reformar os seus negocios; e impulsáronse iniciativas promocionais como a inclusión, dentro da Oficina Virtual de Turismo de Ortigueira, accesible a través de móbiles de última xeración dun auténtico directorio online de establecementos comerciais e de restauración, ao servizo de veciños e de turistas.