O departamento de Emprego de Ames ofreceu asesoramento a 1.070 persoas en 2013
O departamento de Emprego e Promoción Económica do Concello de Ames ofrece asesoramento e atención a demandantes de emprego, a emprendedores do municipio e realiza entrevistas de deseño e seguimento de usuarios que contan cun itinerario personalizado de inserción laboral. Este servizo ofrécese tanto en Bertamiráns, na Casa do Concello, como no Milladoiro, nas oficinas municipais. A longo do ano 2013, o persoal deste departamento atendeu a un total de 1.068 persoas que solicitaron información e asesoramento de carácter laboral. O obxectivo deste servizo é prestar atención e información a demandantes de emprego do concello.
Durante estes últimos doce meses, en Bertamiráns deuse atención a 572 usuarios, dos cales 376 eran demandantes de emprego e 82 solicitaron titorización e asesoramento para emprender no municipio. Ademais, realizáronse itinerarios personalizados de inserción laboral con 115 persoas.
A oficina de orientación laboral do Milladoiro, situada nas oficinas municipais, rexistrou un total de 495 usuarios que se interesaron sobre cuestións relacionadas coa inserción laboral. En total, realizáronse 352 entrevistas con usuarios dirixidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG). Outros 74 usuarios recibiron 307 entrevistas relacionadas cun itinerario personalizado de inserción. Por último, contabilizáronse 144 entrevistas con usuarios non dirixidos polo SPEG e sen cita previa.
Para o desenvolvemento e cofinanciamento deste servizo no Milladoiro, o Concello conta con dúas subvencións concedidas pola Consellería de Traballo e Benestar. Unha destas axudas está dirixida á realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e a outra á contratación de persoal técnico.
Aposta pola formación para o emprego
Durante este ano 2013, o Concello de Ames levou a cabo unha importante aposta pola formación para o emprego e o emprendemento. Deste xeito, entre xaneiro e xuño un total de 34 persoas desempregadas participaron no obradoiro de emprego Encontro Verde, realizado en colaboración co Concello de Brión.
Ademais, actualmente 18 persoas participan nas accións formativas específicas do programa Rede Xiana 2 para a obtención de certificados de profesionalidade, que se puxo en marcha en colaboración coa Deputación da Coruña e que continuará no vindeiro ano. Tamén en colaboración co organismo provincial, a principios de decembro celebrouse en Bertamiráns unha xornada de motivación para o emprendemento e acceso ao financiamento no que participaron máis de 70 persoas.
No mes de novembro iniciáronse as xornadas formativas dos cursos de formación que se impartirán no marco do programa integrado para o emprego InserAmes Brión para este ano 2013. Neste programa participan un total de 80 persoas desempregadas.
Nese mesmo mes tamén se puxo en marcha o programa Ames Integra. Trátase dun curso de formación en competencias clave e de formación e integración socio-laboral, que está dirixido á poboación inmigrante que reside en Ames.











