O departamento de deportes de Ourense fai balance da actividade e melloras nas instalacións deportivas no ano 2013

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

O Consello Municipal de Deportes levou a cabo durante o ano que remata un amplo programa de actividades, axudas a diversas entidades e deportistas, e diversas actuacións para mellorar as instalacións deportivas municipais da cidade. O alcalde de Ourense, Agustín Fernández, o concelleiro de Deportes, Alfonso Vilachá e o xerente do Consello Municipal de Deportes, Cándido Gómez, percorreron esta mañá as instalacións do Pavillón dos Remedios para ver in situ algunha das actuacións executadas, como a piscina Rosario Dueñas.

Nesta piscina, de 50 metros, levaronse a cabo melloras para solventar problemas de humidades, impermeabilizouse o pasillo, tratouse a estrutura, a cristaleira climatizada, a pintura, a grifería e os depósitos de auga quente. Na piscina Pedro Escudero tamén está previsto iniciar actuacións que solventen problemas de humidades.

No que respecta a outras instalacións deportivas da cidade, acometéronse obras en Vilar de Astrés -suministro de enerxía-, Campo de Fútbol de Velle -saneamento, material deportivo e muro de contención-, Campo de Fútbol de Palmés -reposición de muro- e polideportivo A Carballeira -reparacións varias-. Neste tipo de actuacións invertironse un total de 404.751 euros.

Axudas competitivas por 721.247 euros

Unha das novidades deste ano foi a desaparición das denominadas axudas nominativas, aprobándose as bases e convocatoria de subvencións para actividades federadas con carácter competitivo para todos os clubes da cidade. Estas axudas supoñen para a maioría de clubes de Ourense a subvención máis importante no seu capítulo de ingresos, permitindo o desenvolvemento das súas actividades en prol do fomento do deporte.

A nivel individual, outorgáronse axudas por importe de 25.000 euros, distribuídos en 59 bolsas en apartados de iniciación, cualificación e alto rendemento. As axudas destínanse á compra de material, desprazamentos, manutención dos deportistas, á vez que se recoñecen públicamente os seus méritos, compensando os seus esforzos na dedicación da actividade física.

Axudas a actividades deportivas

O Consello Municipal de Deportes colaborou na organización e realización de actividades deportivas ao longo do ano en curso cun total de 103.750 euros. Neste apartado, inclúense o Rali de Ourense e Ribeira Sacra, o Día da Bici, Tai chi, Patinaxe artístico, Judo, Xadrez, Andainas, Baloncesto, Fútbol, Alpinismo, Ximnasia, Balonmán, etc. Este tipo de axudas colaboran na dinamización da vida deportiva da nosa cidade, a confraternización dos deportistas, e a promoción do deporte desde un punto de vista lúdico e competitivo.

Tamén se celebraron outros actos con presencia dos mellores deportistas nacionais e internacionais: o torneo internacional de Whu-Shu, a homenaxe a Abelardo Gabriel, Xira Karting e torneos de promoción deportiva como o memorial Lito.

Récord de participación na San Martiño

Unha das maiores satisfaccións do Consello Municipal de Deportes ao longo do ano 2013 foi o histórico rexistro tanto de inscritos (11.000) como de participantes (máis de 8.000) na Carreira Popular San Martiño, celebrada o 17 de novembro. Tamén o circuíto de carreiras Correndo por Ourense obtivo unha boa participación, superando o millar de atletas, e a andaina de Ourense acadou a súa décima edición, cun novidoso percorrido.

20 de decembro de 2013 | 14:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.