publicidade hoxe

O CPI Ponte Carreira de Frades acolle a mostra contra a violencia de xénero “Cartas de amor” ata o 17 de decembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O CPI Ponte Carreira (Frades) acolle dende hoxe a exposición “Cartas de Amor”, unha mostra gráfica de banda deseñada de artistas galegos que busca sensibilizar á poboación máis nova sobre a violencia de xénero e tratar de fomentar as relacións entre iguais entre os alumnos e alumnas. Dous obxectivos que tamén guiarán o obradoiro formativo ao que asistirán mañá mércores os alumnos e alumnas de 1º, 2º e 3º da ESO do CPI Ponte Carreira, que recibirán unha sesión de dúas horas durante as que a educadora insistirá na importancia de previr a violencia de xénero utilizando como exemplos os carteis instalados durante estes días no colexio.

Ademais de serviren de base para os obradoiros formativos, estes carteis buscan motivar á reflexión dos rapaces sobre o paralelismo entre o mundo romántico das primeiras relacións de parella e a crueldade que, en ocasións, vai asociada a elas, sobre todo diante do incremento de casos de violencia verbal ou física detectado a nivel nacional nas relacións de parellas entre adolescentes. Uns carteis que foron realizados por artistas como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, Pirusca, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares.

 “Cartas de amor” é unha iniciativa á que se sumou o Concello de Frades dentro da rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero e está organizada pola Secretaría Xeral da Igualdade e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Poderá visitarse no CPI Ponte Carreira ata o vindeiro martes 17 de decembro.

10 de decembro de 2013 | 19:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.