publicidade hoxe

O Consello Municipal da Muller de Vigo conmemora o seu 20 aniversario traballando pola igualdade real

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVigo
A-
A+

A concelleira de Igualdade e presidenta do Consello, Isaura Abelairas, conduciu este luns o Pleno espefícico que abriu a xornada de actos conmemorativos polos vinte anos de vida do órgano, dúas décadas en defensa da igualdade real de homes e mulleres.

Abelairas definiu o Consello como vehículo fiable para coñecer a situación das mulleres e lugar de consulta das políticas a implementar en materia de igualdade. Xunto aos representantes da Corporación, a sesión plenaria contou coa participación de CCOO, Mulheres Nacionalistas Galegas, Feministas Independentes Galegas, UXT, Asociación de Mulleres Dorna, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos, a Asociación de Mulleres en Igualdade de Vigo, a Federación Veciñal Eduardo Chao, Viúvas Democráticas e a CIG.

Durante a súa intervención, as membras do Consello Municipal da Muller -o primeiro creado no territorio estatal- relataron os logros conqueridos durante as últimas dúas décadas e fixeron propostas para revitalizar o funcionamento do organismo. Tamén censuraron os recurtes dos gobernos autonómico e central, unha regresión nos avances conseguidos en materia de igualdade que afectan máis ás mulleres.

A xornada de conmemoración continuou coa apertura da exposición “20 anos de historia do Consello Municipal da Muller de Vigo”, inaugurada na lonxa do Concello ao remate do Pleno, e conclúe ás 19 horas cunha mesa redonda na Casa Galega da Cultura baixo o mesmo epígrafe da mostra.

2 de decembro de 2013 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.