O Concello de Vilagarcía publica un bando advertindo da normativa de horarios de peche e emisión de ruídos para locais de ocio
O Concello vén de publicar un bando informativo no que se advirte da normativa que están obrigados a cumprir establecementos de ocio nocturno en materia de horarios de peche e emisión de ruídos. Esta medida complementa a apertura de 12 expedientes sancionadores a outros tantos locais da zona de O Castro e das rúas da contorna por reiterados incumprimentos e tras as denuncias realizadas por veciños.
O bando comezou a distribuírse esta mañá co obxecto de lembrar as normas ás que teñen que aterse os propietarios dos establecementos para evitar as molestias que están a provocar aos veciños que residen na zona e aos que se está a privar de xeito reiterado do seu dereito ao descanso.