O Concello de Vilagarcía publica 1.000 exemplares da guía que reúne a 27 entidades sociais e de voluntariado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Guía da Solidariedade elaborada pola Concellería de Xuventude e Voluntariado pretende ser unha ferramenta útil para os cidadáns, á que poden recorrer para atopar unha organización social á que dirixirse en busca de axuda por unha problemática específica, ou para prestar a súa colaboración como voluntario nesa entidade. A concelleira, Sandra García, presentou esta tarde a publicación que na súa segunda edición actualizada, inclúe a un total de 27 ONGs e servizos de información sobre voluntariado e acción social.

A presentación realizouse nun acto celebrado na Praza de Galicia no marco dos actos conmemorativos do Día do Voluntariado organizados pola Concellería e ademais da edil, participaron membros das organización recollidas na guía.

Nesta segunda edición supéranse o número de entidades pasando das 23 que había na primeira publicada en 2009, ás 27 da actual. Esta cifra ten máis significado si se ten en conta que algún dos colectivos de 2009 non están presentes agora por carecer de actividade. De feito, ás 7 entidades que figuran por vez primeira na guía (ben por terse incorporado agora, ou por terse creado ou empezado a operar en Vilagarcía despois de 2009) son Por Dereito, Adicam (Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama), Alpa (Agrupación de Loita contra o Paro), Cdesc (Coordinadora de Eventos Socioculturais), Reas (Red de Redes de Economía Alternativa e Solidaria), Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, o Centro Ocupacional O Saiar e a Asociación Protectora de Animais e Plantas.

A guía pretende ser un recurso tanto para as persoas que precisan dos servizos dun destes colectivos e tamén para as que desexan colaborar coa sociedade a través do voluntariado. Por iso, na publicación recóllense os programas e proxectos que leva a cabo cada colectivo, aos grupos aos que se dirixe a súa acción, os contactos e actividades.

A presentación da guía faise coincidir co 5 de decembro, xornada na que se conmemora o Día do Voluntariado e coa que se pretende recoñecer o traballo altruísta e en beneficio da sociedade que realizan as organizacións de voluntarios, así como co que se pretende promover o voluntariado. 

A Concellería de Xuventude tamén pretende crear canteira no Voluntariado, por iso organizou unha actividade dirixida aos nenos e nenas. Foi o obradoiro infantil de manualidades denominado a “Arbore Solidaria” no que os participantes plasmaron as súas mensaxes solidarias en adornos que eles mesmos confeccionaron e cos que logo decoraron unha árbore de Nadal.

5 de decembro de 2013 | 19:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.