O Concello de Vilagarcía coloca semáforos de deseño na Praza de Galicia
Os semáforos que regularán o tráfico no paso de peóns da Praza de Galicia serán dun dos modelos máis innovadores que se atopan actualmente no mercado e cuxo deseño obtivo o premio Larus de Aquitectura y Equipamientos Urbans. A estética predomina nestes modernos semáforos que se acompañarán no chan con liñas de luces leed ao longo do paso de peóns. Os operarios municipais do servizo de Obras, coordinados polo xefe de Electricidade, comezaron esta mañá a obra civil previa á instalación do regulador semafórico.
A previsión é que os báculos da serie Cubic deseñados pola empresa Edigal estean instalados e en funcionamento antes do Nadal. O modelo incorpora nunha mesma columna as luces para vehículos e a dos peóns, así como o pulsador de petición de paso para os viandantes. Debido á elevada intensidade de peóns que utilizan este cruce entre as rúas peonís, en principio, os pulsadores non se activarán para non provocar retencións de tráfico, senón que os semáforos se programarán por tempos que se irán axustando ata acadar o ritmo máis adecuado tanto para os peóns como para a circulación de vehículos.
Os modernos báculos tamén contan con sinalización auditiva para invidentes e a caixa do cadro eléctrico ven decorada para integrala no medio como unha peza máis do mobiliario urbano. Os semáforos xa funcionarán a mediados de decembro pero debido aos prolongados prazos de espera, as liñas de luces leed que irán instaladas no chan non se poderán instalar ata o mes de xaneiro. As liñas terán 3 metros de largo e disporanse ao ancho do paso de peóns a ambos lados da calzada. Actúan como marca que os viandantes non poderán traspasar cando estean iluminadas en vermello e indicarán que xa se pode cruzar cando a banda pase a cor verde.
O custe da adquisición dos materiais máis a instalación dos sistemas suma 20.400 euros.
Máis fluidez para os vehículos e maior seguridade para os peóns
Este semáforo instálase cos obxectivos de regular a circulación na Praza de Galicia, aportando maior fluidez ao tráfico á vez que se garante a seguridade dos peóns. Esta tamén foi a razón pola que se eliminou os dos dous pasos de peóns existentes na praza e se unificaron no actual, situado xusto a medio camiño.