publicidade hoxe

O Concello de Vilagarcía abre expediente sancionador a 12 locais de Castro tras reiteradas denuncias veciñais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Os problemas de convivencia que está a provocar o incumprimento de horarios e niveis de ruído por parte dos locais de ocio da zona do Castro e rúas do entorno obrigou ao Concello a actuar de forma contundente para garantir o dereito dos cidadáns a descansar polas noites. Como consecuencia das numerosas denuncias veciñais que se veñen producindo dende hai meses e despois do nulo resultado que tiveron as repetidas advertencias realizadas polo Concello aos propietarios dos locais para que cumpriran a normativa, a administración local abre 12 expedientes que poden concluír co imposición de multas e incluso co peche temporal ou suspensión de licencia.

A problemática remóntase a principios do verán, momento dende o cal o Concello intentou poñer fin á mesma apelando á boa fe dos propietarios dos locais. Sensibilizados pola perda de ingresos que están a padecer o sector da hostalería como consecuencia da crise, o goberno local optou nun primeiro momento en concederlles un prazo prudencial no que se actuou a base de reiteradas advertencias reiteradas realizadas pola Policía Local nas numerosas visitas realizadas á zona requiridos polos veciños.

Transcorrido este período de graza e en vista de que persisten os incumprimentos dos locais e os veciños seguen sufrindo as molestias e os prexuízos, o alcalde asinou xa a apertura de expedientes a dous locais do Castro e da Rúa Juan García e nos vindeiros días procederá a asinar outros 10 situados nestas zonas e na Rúa Baldosa e Praza Martín Gómez Abal. Moitos destes expedientes acumulan máis de unha denuncia polo que as multas poden ser acumulativas.

Dende o mes de outubro ata a semana pasada, a Policía Local levantou 40 actas por incumprimento de horario de peche por parte de locais na zona de O Castro (Baldosa, Juan García, Martín Gómez Abal, etc.). Nuns casos superábase o horario máximo permitido para pubs e bares de copas, establecido nas 4 da mañá; e noutros os locais nin sequera tiñan licencia para funcionar ata esa hora.

Nesas mesmas zonas e no período mencionado a Policía Local tamén realizou dúas medicións sonométricas en domicilios particulares a requirimento de veciños que coincidiron con sesións de discoteca na Praza Gómez Abal.

Dende o goberno local faise un chamamento aos hostaleiros da zona e a asociación para que fagan un esforzo para garantir a convivencia e para que o ocio de uns e o descanso de outros sexa perfectamente compatible en beneficio de todos. O equipo que dirixe Tomás Fole engade que “o goberno pode amosar certa flexibilidade, pero non pode permitir que de xeito reiterado un colectivo estea privando a outro de gozar dos seus dereitos, polo que en casos nos que resulta difícil manter o equilibrio, é a lei a que marca a liña divisoria”.

As actas de incumprimento de horarios de peche ou niveis de ruído que levanta a Policía Local tanto de oficio como a requirimento de veciños, trasládanse ao departamento de Actividades Nocivas, Molestas e Insalubres que se encarga de iniciar o expediente. Unha vez firmada a apertura do mesmo por Resolución da Alcaldía, comunícaselle o mesmo ao interesado e ábrese un período de alegacións. Se se presentan, unha vez informadas, procédese á proposta de resolución do expediente que pode concluír en arquivo (se se consideran válidas as alegacións) ou coa imposición de sancións ou outras medidas de castigo. A resolución debe ser ratificada por Resolución da Alcaldía.

As multas, segundo establece a lei poden ir dende os 300 euros aos 3000 euros e poden ser acumulativas en caso de que o local incumprise a norma máis dunha vez. En función da consideración que o xuíz instrutor lle dea á falta cometida (leve, grave ou moi grave) imporase a suma da multa e incluso cabe a posibilidade de que se decrete o peche temporal do establecemento ou a suspensión de licencias e permisos.

17 de decembro de 2013 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.