O Concello de Tui recibe a aprobación da subvención para o acondicionamento do paseo fluvial

Cores Tourís na visita a Tui
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Tui para anunciarlle ao alcalde da localidade, Moisés Rodríguez, a aprobación dunha subvención que permitirá o acondicionamento do paseo fluvial.
No encontro co alcalde de Tui estivo tamén presente o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.
Esta axuda outórgase ao amparo da orde de subvencións emitida pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no Diario Oficial de Galicia (DOG) para o desenvolvemento de actividades de conservación dos recursos naturais e fomento de accións para a poboación local para o desenvolvementos sustentable dos espazos declarados como parques naturais na Comunidade autónoma, para os anos 2013, 2014 e 2015.
Na actualidade, en Galicia existen seis parques naturais declarados entre os que se atopa o Monte Aloia. O obxectivo da orde á que se acolleu o concello de Tui, segundo apuntou Cores Tourís, “é regular as bases das axudas para fomentar o desenvolvemento socioeconómico das terras agrícolas e á mellora da calidade de vida das poboacións locais situadas dentro dos espazos protexidos ou nas súas áreas de influencia, por medio de accións que contribúan á mellora das paisaxes, á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais representativos da paisaxe agraria tradicional, a aumentar o valor de recreo público destas zonas de alto valor natural, á preservación de hábitats ou ecosistemas ou á loita contra a erosión”.
Deste xeito, o concello de Tui presentou un proxecto co obxectivo de mellorar as fincas situadas no entorno do paseo fluvial. Deste xeito, investiranse 15.125 euros, tendo en conta a axuda da Xunta e o IVE do que se fará cargo o municipio, nun proxecto de adecuación e posta en valor da fachada fluvial na zona do casco urbano, co acondicionamento destas parcelas levando a cabo descroce e limpeza da vexetación existente, instalación de mallas antiherbas, implantación de plantas tapizantes e dun sistema de rego por goteo.
O alcalde da localidade, Moisés Rodríguez agradeceu a colaboración da administración co municipio. “Neste caso estamos a falar dun investimento pequeno pero que nos permitirá frenar o deterioro desta zona e destas parcelas e adecuar a paisaxe do entorno fluvial”, engadiu Moisés Rodríguez, quen asegurou que se trata dunha primeira fase de traballos neste área.
Así, esta obra enmárcase na liña da orde de axudas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas xa que incluía accións de mellora da paisaxe agraria e de desenvolvemento de usos recreativos, como a limpeza e restauración de camiños de acceso aos predios, a sinalización de camiños, a creación e mellora de infraestruturas de uso público e de acollida ao visitante tales como rutas, áreas recreativas, zonas de esparexemento e outras de similar natureza.
“A Xunta de Galicia impulsa o desenvolvemento deste tipo de actividades tradicionais e fomenta outras compatibles coa conservación do espazo de que se trate, co obxecto de contribuír ás melloras da calidade de vida dos seus habitantes e ao desenvolvemento sustentable das áreas de influencia socioeconómica”, explicou Cores Tourís. “Non podemos esquecer que nos decretos de declaración dos parques naturais e nos decretos de aprobación dos seus respectivos instrumentos de ordenación establécese a necesidade e a obriga de conservación dos valores naturais das zonas declaradas incentívanse as accións que permitan compatibilizar a preservación da biodiversidade, hábitats naturais, flora e fauna silvestres co necesario desenvolvemento das zonas declaradas”, engadiu.
“O que se pretende coa convocatoria destas axudas é responder a estes obxectivos, fomentando e aumentando o papel de persoas físicas (propietarios, arrendatarios…), comunidades de montes, asociacións, empresas e concellos á hora de levar a cabo este tipo de accións, na súa calidade de propietarios agrícolas ou de entidades xestoras de terras”, rematou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.











