O Concello de Tomiño acomete a limpeza e restauración de 4400 metros de canles nos ríos Pego, Furnia e Cereixo
Máis de 4400 metros de canles fluviais de Tomiño, están sendo obxecto de actuacións de limpeza e restauración hidrolóxico-forestal, concretamente, nos ríos Pego, Furnia e Cereixo.
A petición do Concello de Tomiño, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), está levando a cabo estas obras de limpeza co obxectivo de evitar ou minimizar os impactos que poderían provocar fortes crecidas e inundacións, cos conseguintes danos ou illamento de núcleos de poboación.
No caso do municipio tomiñés, está procedéndose á limpeza de 4400 metros de canles fluviais (río Pego: 2800 m.; Furnia: 900 m e Cereixo: 700 m.).
Para a elección dos tramos susceptibles de actuación, tívose en conta a extensión da conca hidrográfica, e utilizáronse criterios técnicos de priorización sobre os tramos fluviais máis afectados, a partir das peticións formuladas polo propio Concello. “Temos que dar a benvida a este tipo de actuacións, xa que cremos que as canles dos ríos deben estar limpas e coidadas para previr desbordamentos e incidencias graves en época de chuvia”, comenta o concelleiro de Medio Rural, Lois Vázquez Calvo.
Como paso previo á limpeza, realizouse unha inspección das zonas afectadas, partindo da comprobación da proximidade de núcleos de poboación ou vivendas illadas, e de infraestructuras viarias, co ánimo de evitar taponamentos que puideran provocar incidencias graves ou illamento de núcleos limítrofes.
Nas canles fluviais máis problemáticas, practicáronse tamén rozas selectivas con eliminación de vexetación foránea e regularización morfolóxica da canle, con retirada de elementos obstrutivos.
Para completar estas actuacións, procédese nos casos necesarios á recuperación de ribeiras, mediante técnicas de bioinxeniería, utilizando malla de coco e mantas biodegradables, especies vexetais e arbóreas autóctonas; tentando así evitar ou minimizar os impactos que poderían provocar fortes crecidas e inundacións.











