O Concello de Teo organiza unha feira de segunda man con asociacións e particulares
O Concello de Teo organiza de novo unha feira local de segunda man que se celebrará o 14 de decembro. Nesta ocasión este espazo de compra venda de artigos estará aberto á participación de asociacións e particulares. Trátase dunha novidade en Teo xa que en edicións anteriores só participaban colectivos municipais.
A feira local de segunda man celebrarase no pavillón municipal Ezequiel Mosquera, na Ramallosa. O horario de funcionamento será de mañá e tarde. Abrirá de 12:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas. A intención desta iniciativa é darlle unha segunda oportunidade a moitos artigos usados e deste xeito ter unha pequena recadación para o financiamento das actividades das entidades que traballan no Concello.
Segundo explica Ignacio Iglesias, edil de Participación Veciñal, “queremos apostar pola reutilización e a reciclaxe e incluso polo troco”. O concelleiro destaca ademais que a data elixida, antes das festas de Nadal, propicia que se poidan realizar compras de agasallos a moi bos prezos.
Neste momento xa está confirmada a presenza da asociación Teenses pola Igualdade, a Asociación Recreativa e Cultural Os Tilos, as Mulleres Rurais e Aspamite. No caso dos particulares só teñen que cumplir un requisito, estar empadroados en Teo e xa hai 20 persoas anotadas.
Dende Benestar confirman ademais a presenza do Roupeiro municipal que donará a súa recadación a outra iniciativa solidaria municipal, o Banco Veciñal de Alimentos de Teo.
As persoas interesadas en participar que precisen máis datos sobre esta iniciativa poden chamar ós teléfonos municipais 981 809 707 ou ó 981 815 700.











