publicidade hoxe

O Concello de Santiago convida a #nadalar a composteláns e visitantes durante estas festas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Un ano máis, o Concello de Santiago deseñou un amplo programa de actividades para que tanto os habitantes coma os visitantes de Compostela gocen das vindeiras festas de Nadal. A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou as actividades que, baixo o concepto #nadalamos, convidan a grandes e pequenos a vivir o Nadal na cidade, pero tamén a ilusionarse, compartir, felicitar, agasallar e sorprender. Todo iso e máis é #nadalar. Para difundir as actividades de #nadalamos o Concello editou un folleto informativo que pode recollerse na Oficina de Información Turística (rúa do Vilar 63 e que se repartirá ademais polas rúas da cidade. Ademais, tanto na páxina de Facebook (www.facebook.com/nadalamos) como na conta de Twitter (@Nadalamos), ofrecerase diariamente información sobre as actividades. A Concellería tamén convida a todos a empregar o hashtag #nadalamos para compartir o Nadal compostelán.

As actividades

Entre as novidades deste ano compre destacar o Tren das compras, que percorrerá a cidade dende o Instituto Rosalía de Castro, pasando pola praza Roxa e o CGAC, os días 14, 15, 21 e 22 de decembro. Por outra banda, no Recuncho de Papá Noel, que se instalará na Alameda do 20 ao 24 de decembro, os máis pequenos atoparán un espazo lúdico no que participar de diferentes xogos tan só presentando un tícket de compra do comercio local.

Papá Noel tamén percorrerá a cidade en sidecar o sábado 21, parando en diferentes puntos da cidade como a Praza de Abastos, a Alameda ou a praza Roxa. Talleres de maquillaxe, globoflexia, chapas e inchables para os pequenos, cun servizo de flocos de millo gratuítos e a exposición-espectáculo Ver para crer, do Mago Romarís, no Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, completan as actividades. A tradicional Cabalgata de Reis pechará o programa o día 5.

A pista de xeo

Xa está a instalarse na Alameda a pista de xeo, que un ano máis será a estrela da programación do Nadal. 500 metros cadrados de xeo que se agarda reciban máis de 17.000 visitas.

Cóntase con abrir a pista ao público este xoves 12 de decembro. A partir de aí, durante os días lectivos funcionará en horario de mañá reservada a escolares e aberta ao público en horario de tarde. Durante o período de vacacións ampliará os seus horarios e incluirá, ademais, sesións nocturnas os venres, sábados e vésperas de festivos.

O prezo das entradas oscilará entre os 4 euros da entrada para escolares ata os 10 euros da entrada xeral con patíns e sen límite de tempo. Os asistentes contarán tamén con promocións coma a cartilla “Aquí tes 10 € para patinar”, con descontos para os que máis patinen, e o bono “Non fagas colas” con 4 entradas sen límite de tempo e sen facer cola por 30 €.

Tamén haberá un “Bono Familiar” que inclúe dúas entradas para adultos a 6,50 por persoa e pases a 4,50 para os máis cativos.

Reservas para visitas de centros escolares e grupos: teléfonos 881 897 790 e 699 811705 e reservas@invernalia.com.

Concurso de Beléns

Dentro das actividades de #nadalamos atópase o Concurso de Beléns e Ambientación de Nadal, que vai xa pola súa terceira edición. Nel poden participar tanto particulares como asociacións e o prazo de inscrición continúa aberto ata o venres 13 de decembro. A partir do 16 de decembro serán os seguidores da páxina de Facebook de #nadalamos os que decidirán cos seus votos aos premiados deste ano.

Mercado da Estrela

O Concello colabora de novo este ano co Mercado da Estrela, que celebra a súa segunda edición tras o éxito obtido o pasado Nadal. O sábado 14 e o domingo 15 o CGAC volverá amosar os traballos de novos creadores e artesáns galegos de diferentes áreas, como a ilustración, a moda, a xoiería ou a decoración, que se poden converter nun orixinal agasallo de Nadal.

10 de decembro de 2013 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.