publicidade hoxe

O Concello de San Sadurniño aproba os orzamentos do 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O documento co proxecto de orzamento para o ano que vén foi aprobado este venres cos votos a favor do BNG e a abstención dos grupos da oposición. San Sadurniño manexará polo tanto unhas previsións de ingresos e gastos de 2.500.400 euros, un 11,9% inferiores ás de 2013. A baixa reflíctese especialmente no apartado de investimentos, aínda que na argumentación das contas o goberno local asegurou que o descenso se vería compensado coa participación en programas como o DTC provincial ou, entre outras posibilidades, coa venda ou alugueiro das escolas rehabilitadas en Bardaos e Naraío. No resto de capítulos as cousas quedan practicamente igual ca este ano e os orzamentos, segundo o goberno, responden á obrigatoriedade de cumprir coa regra de gasto marcada polo Estado.

O debate duns orzamentos municipais é case sempre unha data sinalada no calendario plenario de calquera concello. Non é para menos, xa que se trata o documento que sustentará economicamente toda a actividade municipal do ano. Os grupos políticos adoitan despregar nestas ocasións toda a súa capacidade dialéctica para librar unha auténtica batalla ideolóxica sobre o futuro do municipio a un ano vista. En San Sadurniño a contenda prevíase longa e profunda. Mesmo había música de fondo proveniente da igrexa do Rosario para darlle un toquepeplum á sesión. Porén, o pleno saldouse en pouco máis de media hora e con pouca guerra. Iso si, todos os grupos falaron o que quixeron e, desde as filas do público, deu a impresión de que todo o que había para falar e debater quedou falado e debatido.

A primeira intervención correu por conta do voceiro do BNG e concelleiro de Facenda, Suso Soto, quen preparou o escenario para o debate expoñendo as liñas políticas e económicas do proxecto orzamentario. Destacou que as contas para 2014 se rexen polos principios de “precaución e austeridade” tanto nos investimentos como nos gastos debido, segundo dixo, ao “intervencionismo estatal que impide abranguer ata onde o Concello podería chegar” de acordo co seu estado financeiro. Porcentualmente e a grandes trazos, Soto cifrou nun 30% os cartos que irán a investimentos mentres que o 70% restante se destinará ao denominado “gasto corrente”, no que entra todo o funcionamento da administración -persoal, subministracións, custes enerxéticos, mantemento de instalacións e equipamentos, etc.-.

Para o voceiro nacionalista os orzamentos caracterízanse pola súa “racionalidade e eficacia” e reflicten previsións “máis que suficientes” para garantir os servizos que se lle prestan á cidadanía. De feito, lembrou que neles se lle dá máis peso ás subvencións a familias e entidades, que se mantén a axuda á construción de vivendas en zonas onde non haxa saneamento público, e que hai unha aposta decidida polos servizos públicos -en referenza aos de tipo social- malia ter que deseñar un orzamento “encorsetado” pola normativa estatal sobre o teito de gasto dos municipios. Aínda así, segundo o goberno, “queda marxe para desenvolver políticas alternativas”. 

No tocante aos ingresos, o edil sinalou que non haberá subidas de impostos nin taxas e que o incremento reflectido neste apartado dos orzamentos se debe a unha previsión de maiores ingresos provenientes das compañías eléctricas con infraestruturas no municipio. Ademais, o goberno local anunciou oficialmente que San Sadurniño non repercutirá nos recibos do lixo o máis que seguro incremento do canon de SOGAMA “que se neutralizará con distintas medidas de aforro por parte do Concello”. Excepción a esta regra é a suba da contribución “imposta polo Estado Central”. 

O voceiro do bloque laiouse ademais do descenso das transferencias de capital doutras administracións para novos investimentos, o que incide na baixada “en máis dun 50%” do capítulo 6 dos gastos municipais. Con todo, o equipo de goberno adiantou que en 2014 haberá partidas non consignadas inicialmente que permitirán “realizar novos investimentos ao longo do ano”, aludindo principalmente ao DTC provincial. Este programa suporá unha inxección de arredor de 150.000 euros para obras, malia non aparecer reflectidos no documento orzamentario por estar o programa pendente de aprobación pola Deputación da Coruña. 

O PP e o PSOE abstéñense

Tras esta primeira quenda tomou a palabra o voceiro do Partido Popular, Plácido López, -quen anunciou a abstención do seu grupo na votación posterior- para criticar que o gasto en persoal “sexa case o 50% dos orzamentos”. Para o PSOE a partida de persoal, xunto coa de gasto corrente, tamén “é importantísima e é bastante grande dentro do presuposto que temos”. Porén, Fernando Márquez centrou grande parte do seu posicionamento en arremeter contra a baixada dos investimentos reais que, ao seu xuízo “é moi insuficiente para as necesidades que ten este concello”. Criticou, ademais, “o incremento en gastos de publicidade” e tamén “a baixada no mantemento de infraestruturas viarias que, segundo asegurou, “de 45.000 euros redúcese a unha partida de 20.000”. Márquez cualificou a baixada como “unha sangría” e rexeitou as “prioridades” do goberno local por entender que son “opostas aos intereses de San Sadurniño”.

Suso Soto matizou a intervención do edil socialista asegurando que os gastos en protocolo e publicidade “baixan na partida global”, posto que o ano pasado supuñan 5.000 euros e que en 2014 van ser 4.000. No referido ao mantemento de pistas, Soto explicou que en anteriores orzamentos se consignou unha partida duns 50.000 euros para esta finalidade e que, posteriormente, se viu que dela só se executaron arredor de 15.000. Debido á necesidade “de cumprir co teito de gasto” -que o PSOE reclamara xa nos orzamentos de 2013- o equipo de goberno optou por reservar unha contía máis coincidente coa realidade. Malia isto, o concelleiro de Facenda puntualizou que “non haberá ningún problema en botar man doutras partidas se se esgota a do mantemento de pistas”. O BNG cualificou de “pobre” o argumento socialista e lembrou que os gastos municipais non son só “asfaltar pistas”, senón que cómpre mirar se o montante global do capítulo 2 “chega para manter todos os servizos de gasto corrente que temos que levar ao longo do ano, que tamén son as actividades culturais e deportivas, os gastos en proteción social, os de benestar e igualdade ou a enerxía eléctrica.”

Ao PP, Suso Soto pediulle “propostas” para reducir o gasto de persoal -cifrado en algo máis dun millón de euros- e criticou que o grupo popular fundamentase a súa argumentación no dato da porcentaxes que supón este apartado sobre o total das contas municipais xa que, tal e como precisou o voceiro nacionalista, “se o orzamento baixa, o peso porcentual da partida de persoal, que é a mesma que outros anos, claro que sobe”. Sobre este asunto, o alcalde foi máis directo e dixo que “o intervencionismo estatal vai contra a autonomía municipal” e que se non se pode gastar máis só queda a opción de “ser insubmiso, co risco de que nos impugnen o orzamento, ou baixar os gastos”, unha posibilidade que no caso do persoal só se podería facer eliminando postos “algo que nós non imos facer porque somos de esquerdas, quero que se saiba, e que estamos en contra de despedir traballadores”.

No debate, o PSOE volveu á carga co asunto das pistas suxerindo que o goberno local quere “aforrar” nesa liña. Márquez pediu que se invistan os cartos para o mantemento viario que non se gastaron das partidas doutros anos para antender, segundo dixo, “unha demanda que fai a xente”. O BNG reafirmouse en que en anos anteriores “non se aforrou nada” no arranxo de camiños, senón que moitas destas obras se fixeron con cargo ao capítulo 6, e que os remanentes se destinaron, entre outros proxectos, a “un plan de emprego para contratar a 11 persoas, moitas delas para facer mantemento vial. Algo que tamén é importante porque non se trata só de tapar baches, ás veces as administracións tamén están para tapar insuficiencias sociais”. Por último, Soto recoñeceu que “hai deficiencias como en calquera lado” pero que se tentan corrixir “co traballo do día a día”. No mesmo camiño instou aos grupos da oposición para que adopten unha maior participación na vida municipal “con propostas que poidamos consensuar entre todos.”

Unha vez pechado o debate das pistas e dos remanentes, o edil socialista abriu a fronte dos gastos “excesivos” de asesoramento externo e tamén a dos “gastos de viaxes ao estranxeiro” que se fixeron no pasado. Soto cualificou o argumento socialista de “simpleza” e precisou que as viaxes a outros países formaban parte de proxectos internacionais “xestionados polos técnicos municipais e sufragados ao cento por cento pola Unión Europea”. Tamén lembrou que tanto el como o propio Fernando Márquez participaron durante o bipartito municipal nunha viaxe a Valencia para a realización dun máster “e non pasou nada”.

A última intervención da sesión fíxoa o alcalde, que ata daquela se limitara a expoñer os puntos da orde do día e a regular as quendas de palabra. Secundino García contextualizou os orzamentos criticando o teito de gasto imposto polo goberno Estatal e lembrando que “hai unha porcentaxe moi importante de gasto corrente que non son os gastos de publicidade nin as viaxes ao estranxeiro, senón os custes de enerxía eléctrica por mor das políticas neoliberais que nos abocan á ruína, ou os custes de SOGAMA, onde estamos tirando 60.000 euros nun sistema insostible para darllos a Fenosa e que despois nos venda a electricidade”. “Eses son os gastos que hipotecan a economía dos concellos”, dixo Secundino García. 

O alcalde asegurou que o nivel do gasto corrente “é unha medida da eficiencia na xestión” e deu o dato de que San Sadurniño “está no nivel de gasto do ano 2007, a pesar de que o ive pasou do 16 ao 21% durante este tempo”. Para rematar, García defendeu que os orzamentos “son os necesarios e son uns orzamentos que imos superar porque imos percibir 150.000 euros do DTC provincial e porque temos dúas vivendas que, no caso de venderse, nos reportarán ingresos, co que o orzamento quedará con niveis semellantes aos do ano pasado”.

Desta maneira, cun debate suave e despois de 32 minutos de sesión -29 deles con banda sonora- deuse por rematado un pleno no que os orzamentos quedaron aprobados inicialmente cos votos favorables do BNG e a abstención de PP e PSOE. 

21 de decembro de 2013 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.