O Concello de Pontevedra comeza o trámite para a reparación da ponte medieval de Ponte Sampaio
A Concellaría de Patrimonio Histórico comezou os trámites para a reparación das pedras da ponte medieval de Ponte Sampaio que caíron ao río a consecuencia dun accidente de tráfico o pasado 24 de decembro. O xoves día 26, funcionarios municipais puxéronse en contacto coa compañía aseguradora, que comunicou que xa tramitara o expediente de danos correspondente a estes feitos.
Pola súa parte, os servizos técnicos municipais están a avaliar a situación da ponte e a posibilidade de recuperar as pedras. Nos próximos días completarase a valoración técnica e económica co obxecto de tramitar o correspondente proxecto de reparación, que terá que ser aprobado pola Dirección Xeral de Patrimonio.
En canto ao financiamento dos traballos, o trámite nestes casos prevé a reclamación do custe á compañía aseguradora, para posteriormente proceder á contratación dos traballos. Con todo, dada a importancia histórica da ponte e tendo en conta o perigo derivado da caída das pedras do pretil, o concello preve a posibilidade de tramitar, de ser necesario, o correspondente expediente de gasto con cargo ao orzamento municipal.