O Concello de Ourense únese á rede de cidades pola accesibilidade xunto con outros 60 municipios
Tal e como foi aprobado no Pleno ordinario celebrado no Salón de Plenos no mes de setembro, o Concello de Ourense incorpórase á Rede de Cidades pola Accesibilidade, e participará hoxe na constitución oficial de dita rede, que terá lugar a partir das 19 horas no Salón de Actos do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, en Madrid. A concelleira de Benestar Social e Saúde, Marga Martín, asistirá ao acto, xunto a representantes de máis de 60 municipios e organismos de todo o país.
A rede, denominada REDCa-4ALL nace con vocación de estratexia para mellorar a habitabilidade urbana e social a través do deseño universal dos espazos e servizos públicos das cidades, ao tempo que reforza as boas prácticas en accesibilidade e se configura como foro de intercambio de experiencias.
Pretende convertirse, así mesmo, en espazo e instrumento para o debate e intercambio de ideas e para coñecer e difundir actuacións, para profundizar en proxectos, crear iniciativas e ideas conxuntas e dar unha visión crítica ás iniciativas que se plantexan.
O Concello de Ourense únese á rede seguindo a liña de convertir a cidade en accesible para todas e todos, independentemente da idade, condición física e mental, ofrecendo un contorno seguro a toda a cidadanía, con criterios de deseño universal, pondo a accesibilidade como obxectivo transversal de todas as actuacións.