O Concello de Ourense prestará o servizo de ludoteca de Nadal nos cinco centros cívicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Os nenos de Educación Infantil e Primaria da cidade poderán participar durante as vacacións de Nadal nos obradoiros infantís que organiza a Concellería de Benestar Social do Concello de Ourense na rede de centros cívicos municipais.  Este é un servizo que o Concello pón á disposición das familias ourensás coa finalidade de proporcionar aos nenos e nenas a posibilidade de participar en propostas lúdicas para o seu tempo de vacacións ao tempo que axudar a nais e pais a conciliar a súa vida familiar e laboral durante estas datas de Nadal.

As actividades son gratuítas e inclúen a realización de manualidades, xogos, contacontos, bailes e outras propostas con temática de Nadal. Serán de luns a venres, dende o día 23 de decembro, ata o 8 de xaneiro de 2014.

Mañá, mércores, día 11 de decembro abrirase o prazo de inscrición no servizo de ludoteca de Nadal do Centro Cívico do Casco vello, sito na rúa Colón, 18, onde as actividades se desenvolverán en horario de mañá, de 10:30 a 13:00 horas.

Os interesados poden inscribirse ata o día 16 de decembro. As solicitudes pódense recoller no propio Centro Cívico da rúa Colón, nas oficinas da Concellería de Benestar Social, na rúa Bispo Carrascosa, nº 14 ou na Oficina de Atención ao Cidadán, na Praza de San Martiño, e deberanse entregar no Concello a través de Rexistro Xeral.

O servizo de ludotecas de Nadal tamén se prestará durante estes días nos centros cívicos de A Cuña (na rúa Doutor Peña Rey, 18), A Ponte (Eulogio Gómez Franqueira, 43), As Termas (Praza 200, 1) e Seixalbo (rúa Estreita, 1).

Estes centros, que xa dispoñen de servizo de ludotecas ao longo de todo o ano, seguirán prestado o servizo durante o Nadal, tamén gratuitamente e cos mesmos horarios que teñen ao longo do curso escolar; de 17:30 a 20:00 horas.

10 de decembro de 2013 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.