O Concello de Ourense pon en marcha un dispositivo especial de Tráfico e Policía Local para as festas de Nadal
A Concellería de Tráfico e Policía Local do Concello de Ourense pon en marcha un dispositivo con motivo da Campaña de Nadal en materia de seguridade cidadá e tráfico.
En materia de seguridade cidadá, a Concellería de Policía Local participa na campaña “Comercio Seguro” en colaboración co Corpo Nacional de Policía, e ademáis incrementará os controis sobre a venta ambulante, pequenos furtos nas áreas comerciais e actos vandálicos.
No eido de tráfico, punto fundamental da campaña, tendo en conta o incremento de fluxo de persoas e vehículos que se produce nestas datas, reforzaranse os dispositivos de control á zona centro e ás zonas comerciais, aparcadoiros públicos e prazas de abastos e incrementaranse os controis de alcolemia e o uso de cinturón e casco co obxectivo de reforzar a seguridade vial e procurar un descenso do número de accidentes.
O reforzo de efectivos policiais afectará principalmente ao servizo nocturno onde se duplicará o número de efectivos, cun mínimo de 6 dotacións en Noiteboa, Nadal, e a fin de semana de Reis e 8 dotacións en Fin de Ano e Ano Novo. Nestas datas extremaranse tamén os controis de locais de hostalería en dúas fases: dunha banda, actividade preventiva na que se revisarán as condicións previas a actividade dos locais e doutra, durante a actividade dos locais no relativo a aforo, saídas de emerxencia, horarios, control de celebración de festas sen autorización e verificacións de licencias de actividade.
O reforzo de efectivos e o incremento da actividade preventiva e de control por parte da Concellería de Tráfico e de Policía Local, responde á necesidade de incrementar e fomentar a seguridade dos cidadáns nunhas datas nas que a frecuencia de peóns e tráfico é maior na nosa cidade, así coma a actividade comercial e hostaleira, polo que é necesario reforzar os esforzos para que todo transcurra sen incidentes e estas datas se podan desenvolver na máis estrita normalidade.











