O Concello de Neda comeza o reparto das cestas de Nadal entre as familias con escasos recursos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O Concello de Neda iniciou no día de onte o reparto das cestas de Nadal entre as preto de medio centenar de familias con escasos recursos que residen no municipio. O departamento municipal de Servizos Sociais destina á adquisición dos productos que forman os lotes cerca de 3.000 euros e, a maiores, as cestas complétanse cos alimentos recibidos a través de Cruz Vermella e máis as entregas realizadas por veciños e veciñas no marco da Campaña Solidaria de Recollida que impulsa o Concello dende hai tres anos coa colaboración do movemento asociativo (Asociación de Amas de Casa, A VV Anca, A VV de Viladonelle, A VV do Roxal, A VV do Puntal, AVV Ancos, Asociación A Canteira e SDR da Cobeluda) e a superficie comercial Eroski.

Así, as cestas que reciben as familias con escasos recursos inscritas nos Servizos Sociais dispoñen de 5 litros de aceite de xirasol, tres tabletas de turrón, 2 quilos de arroz, 2 de garbanzos, 2 de lentellas, 1 de fabas, un lacón salado, 1 paquete de pasas, 1 de cacahuetes, 1 tableta de chocolate, 1 kilo de azúcar, 2 kilos de xudías en lata, 2 tabletas de chocolate, 1 caixa de leite, 2 de galletas, 1/4 de kilo de café, 1 bote de cacao, 1 paquete de sopa e 5 de macarróns. Así mesmo, aquelas familias que teñan tres ou máis fillos recibirán unha cesta doble (co doble de productos).

Así mesmo, nos vindeiros días, a Asociación A Canteira e máis a AVV de Ancos entregarán ao Concello os xoguetes que reuniron este ano en sendas campañas solidarias levadas a cabo nas súas respectivas parroquias. Xoguetes que tamén se distribuirán entre as familias con escasos recursos inscritas en Servizos Sociais.

Neste senso, o alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, quixo agradecer publicamente á veciñanza a súa actitude solidaria cara as familias con escasos recursos da vila.

17 de decembro de 2013 | 13:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.