O Concello de Lalín favorece a contratación de 80 traballadores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

María José Batán sinala que “desde o Concello se continúa facendo o posible por incentivar políticas activas de emprego e de mellora da empregabilidade, así como con contratos de formación para xerar posteriores emprendedores”, políticas ás que se destinan os remanentes que se obteñen coa amortización de prazas e de baixas non cubertas contempladas no orzamento municipal para 2014, tal como apuntou o voceiro do grupo de goberno na presentación do presuposto para o vindeiro ano.

O Concello de Lalín contratou un total duns 80 traballadores ao abeiro dos programas: primeiro plan de Emprego da Deputación de Pontevedra; obradoiro de emprego <Agrolalín>; programas de cooperación; segundo plan de emprego da Deputación e plan de práctica laboral da Deputación. Uns programas de creación de emprego, cunha duración que se sitúa entre os 2 e os 8 meses, posibles grazas aos remanentes que se obteñen coa amortización de prazas e de baixas non cubertas contempladas no orzamento municipal para 2014, tal como explicou o voceiro do grupo de goberno, Román Rodríguez, na presentación do presuposto para o vindeiro ano, na que estivo acompañada polo edil de Facenda, Manuel Gómez Estévez.

A concelleira de Actividade Económica, Comercio e Emprego, María José Batán sinala que “desde o Concello se continúa facendo o posible por incentivar políticas activas de emprego e de mellora da empregabilidade nuns momentos especialmente díficiles, como se demostra con estes programas de fomento do emprego e con contratos de formación para xerar posteriores emprendedores tales como co novo obradoiro <Agrolalín> ou co apoio aos emprendedores que se lle está a prestar mediante o programa municipal de fomento do emprego con axudas de 1.000 euros para a posta en marcha e constitución dun negocio”.

A través do primeiro plan de emprego da Deputación foi posible contratar a 12 peóns/axudantes, 2 limpadoras de edificios municipais e 10 peóns de obras públicas, explica Batán. A contratación é por seis meses (do 1 de xuño a 30 de novembro), a tempo parcial, 25 horas semanais.

Así mesmo remarca Batán “temos en marcha <Agrolalín>, o novo obradoiro de emprego no que participan 20 alumnos (10 no módulo de pavimentación e albanelería de urbanización e outros 10 en horticultura e floricultura) e que se estenderá ata mediados de abril de 2014 posibilitando, entre as actuacións básicas o acondicionamento do entorno do Pazo de Liñares, uns traballos que darán comezo proximamente, despois de que os participantes recibirán unha formación teórica completa no Centro de Formación Ocupacional”. “Agrolalín” está coordinado por unha directora, unha titora e dous docentes, un por cada módulo formativo, co que en total se dá emprego a 24 persoas a través do obradoiro.

“Os programas de cooperación -indica- permitiron a contratación de 7 persoas de apoio a distintos servizos municipais”. En concreto trátase de: 1 socorrista encargado da vixilancia das piscinas exteriores de Lalín de xullo a setembro, cun contrato a tempo completo, con 40 horas semanais de duración.

No departamento de Obras, e ao abeiro destes programas de cooperación, incorporouse 1 oficial de primeira condutor de maquinaria do servizo municipal de obras e 1 xardineiro encargado do mantemento das zonas verdes, en ambos os dous casos por un período de 8 meses (do 1 de novembro ao 30 de xuño de 2014), a unha xornada do 75%, de 8 da mañá ás 14 horas.

Tamén no marco deste programa de cooperación sumáronse 4 persoas máis, 3 auxiliares administrativos que desenvolven o seu labor na secretaría xeral, no Museo Municipal e no departamento de Servizos Sociais, respectivamente, e 1 ordenanza no Centro de Formación Ocupacional. O período de contratación neste caso é de 6 meses, do 1 de novembro de 2013 ao 30 de abril de 2014. A xornada é do 75% e o horario de 8 a 14 horas.

De igual modo o segundo plan de emprego da Deputación posibilitou a contratación de 17 peóns/axudantes, cun contrato de duración determinada por obra ou servizo (6 meses, contados do 27 de novembro ao 26 de maio de 2014), cunha xornada a tempo parcial e 25 horas semanais.

En total distribúense do seguinte xeito, precisa Batán: 7 peóns para vías públicas; 2 peóns para servizos varios; 1 para mantemento de edificios;  2 para mantemento de zonas verdes; 5 limpezas de edificios. Trátase de contratos de duración determinada por obra ou servizo, con xornada a tempo parcial e duración do contrato de 6 meses, do 27 de novembro ao 26 de maio.

Á parte hai que destacar a contratación das 6 persoas para os GES (Grupos de Emerxencia Supramunicipal), que substitúen aos antigos GRUMIR (Grupos Municipais de Intervención Rápida) cun contrato por obra e servizo de tres anos e as 6 persoas para as brigadas de incendios que se contrataron durante o período de 2 meses, puntualiza a concelleira.

Batán concreta que, a maiores, ao abeiro do plan de práctica laboral da Deputación de Pontevedra desenvolven prácticas formativas 7 titulados universitarios nos seguintes departamentos: 1 diplomada Turismo no departamento de Turismo; 1 licenciada Ciencias Políticas no de Urbanismo; 1 licenciada Económicas no departamento de estatística; 1 diplomado Maxisterio no departamento de emprego; 1 licenciado Psicoloxía no departamento de emprego e 2 diplomadas en enfermería en programas de educación e promoción do envellecemento activo e saudable.

“Con todos estes programas, ademais de contribuír a favorecer a contratación destes traballadores nunha conxuntura especialmente complexa tamén se fomenta a formación, factor que ten unha  importancia clave hoxe en día para incrementar a posibilidades de atopar un emprego”, conclúe.

7 de decembro de 2013 | 13:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.