O Concello de Ferrol saca unha nova liña de axudas do Urban para o comercio e a hostalería local

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

Os concelleiros de Economía e Emprego do Concello de Ferrol, Alejandro Langtry Caínzos e Martina Aneiros Barros, respectivamente, deron conta esta mañá dos diferentes puntos abordados na comisión informativa de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos. A orde do día recolleu temas como a situación actual de FIMO ou a proposta da aprobación das bases e convocatoria do programa de subvencións para o comercio, hostalería e operadores de mercado da Magdalena (Urban 2013-2014), que se levará ao vindeiro pleno.

O edil de Economía referiuse a situación actual do recinto feiral de Punta Arnela. Isto é que parte dos membros do pleno da Cámara de Comercio presentaron a súa dimisión. Langtry Caínzos instou aos membros da Cámara a convocar un Consello de Administración de FIMO “onde sexan aclaradas as dimisións, as actuacións a seguir a partir dese momento así como definir as xestións a curto prazo”.

Por outra banda, o programa de subvencións Urban propón a mesma liña fixada nas bases das pasadas convocatorias de 2012. O importe total das axudas ascende a 84.480 euros e será celebrada en dúas convocatorias ao longo do exercicio 2014. Este programa inclúe as seguintes tres liñas: mellora dos establecementos existentes, cun importe de 32.480 euros onde será subvencionado un 50% das actuacións ata un límite de 6.000 euros; creación de novas actividades, cun investimento que ascende a 40.000 euros e subvenciona un 50% ata 6.000 euros cun plus de ata 11.000 euros no caso de creación dun posto de traballo; adquisición de mobiliario de terrazas, onde se destina 12.000 euros e será subvencionado o 60% ata un límite de 3.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes para estas achegas serán de tres meses  a partir da súa aprobación en sesión plenaria e a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP).

Emprego

Por outra banda, a concelleira de Emprego deu conta esta mañá da solicitude da subvención anual convocada pola Deputación da Coruña en materia de promoción económica e que contempla dous eixos. Un deles está destinado á inversión e a solicitude ascende a 16.000 euros, que permitirían a reposición de equipamento de aulas e despachos do Centro Municipal de Emprego. O segundo eixo é o de formación co que se pretende desenvolver diferentes accións formativas e que ascende a 35.000 euros.

Así mesmo, a edil Martina Aneiros informou sobre os dous proxectos formativos que se están a levar a cabo dende a área de Emprego: Inserta 3 e Ferrol Verde II. Un total de 80 alumnos participa no programa integrado “Inserta 3”, que deu comezo o pasado mes e que está a desenvolver as actividades grupais de formación e asesoramento. A concelleira ferrolá tamén indicou que deron comezo os contactos con empresas de cara á inserción laboral dos participantes no proxecto e se iniciou a formación transversal en materia de busca de emprego e prevención de riscos laborais.

O obradoiro de emprego “Ferrol Verde” comezou hoxe as súas actuacións no Parque de O Montón, onde o alumnado porá en práctica a formación que recibiron nas dúas especialidades: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, e operacións auxiliares de albanelaría de fábricas e cubertas. Ademais, os participantes recibiron unha formación en prevención de riscos laborais e curso básico de medio ambiente.

17 de decembro de 2013 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.