O Concello de Carballo trasladará a Educación as demandas de coidadores para os CEIP Fogar e Xesús San Luís Romero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Concello de Carballo trasladará ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación universitaria as demandas realizadas polas nais e pais do CEIP Xesús San Luís Romero e o CEIP Fogar sobre o número de coidadores de nenos e nenas con necesidades especiais asignados aos centros. Así, representantes da ANPA (Asociación de Nais e Pais de Alumnos) “A Milagrosa” e da ANPA “Pedras Blancas” veñen de entrevistarse con representantes dos grupos políticos da corporación (Miguel Ferreiro, polo PP; Manuel Andrade, por TEGA; e José Antonio Viña polo PSOE), así como co Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e coa Concelleira de Educación, Mar Eirís, para explicarlles a súa situación. Así, consideran que o número de coidadores que está asignado nestes momentos para os dous centros, que comparten por horas un dos catro existentes, non é suficiente para atender as demandas de todos os nenos e nenas con problemas tanto motores como psíquicos matriculados nestes colexios. Esta situación estase prolongando dende o pasado mes de novembro, e as ANPAs solicitan que se asigne un coidador máis para que o CEIP Fogar poida contar con tres e o CEIP Xesús San Luís Romero manteña os dous cos que contaba até o de agora e que son necesarios para atender as demandas do alumnado.

Así, o CEIP Fogar demandou no seu momento a incorporación dun novo coidador, xa que o centro rexistra numerosos casos de alumnado con diferentes minusvalideces (tanto motoras coma psíquicas), que era atendido coa presenza de tan só dous coidadores. Por iso, solicitaron a presenza dun coidador máis ata chegar a tres. A resposta da Consellería a esta petición foi que unha das dúas coidadoras que estaban no CEIP Xesús San Luís Romero dedicase parte da súa xornada a a tender ao alumnado do Fogar, algo que ocorre dende hai arredor de tres semanas, de tal xeito que un centro conta con tres coidadores e o outro tan só con un durante dúas horas diarias. Porén, a ANPA “A Milagrosa” explica que un coidador non é abondo para atender as necesidades dos seis nenos e nenas que hai no Xesús San Luís Romero que padecen graves problemas motores (tres deles precisando cadeira de rodas) mentres o outro coidador está as dúas horas correspondentes no CEIP Fogar. Por todo o anterior, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, comprometeuse a trasladar ante o Xefe Territorial de Educación, Indalecio Cabana Leira, as demandas das nais e pais dos centros educativos afectados.

19 de decembro de 2013 | 19:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.