publicidade hoxe

O Concello de Brión investiu 25.000 euros na instalación de alumeado público en Sabaxáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

O Concello de Brión vén de investir 24.677 euros na renovación do alumeado público da localidade de Sabaxáns, na parroquia de Bastavales. Unha actuación que permitirá un aforro enerxético do 60% sen diminuír o número de luminarias existentes, xa que se substituíron as 66 lámpadas existentes por outras menos contaminantes e máis eficientes.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, destaca que “grazas á subvención conseguida do INEGA poderemos aforrar case un 60% da factura eléctrica do alumeado público de Sabaxáns sen perder puntos de luz, simplemente cunha tecnoloxía máis eficaz”. Do total do investimento, o Concello de Brión tivo que facer unha achega de 3.701 euros das arcas municipais, que se amortizarán en breve co aforro que estes traballos suporán na factura eléctrica.

Cambio de tecnoloxía

Os traballos consistiron en cambiar a tecnoloxía das 23 luminarias de vapor de mercurio de 80 vatios e as 43 luminarias de sodio de alta presión de 125 vatios por 23 luminarias de sodio a alta presión de 70 vatios e outras 43 luminarias de sodio a alta presión de 100 vatios, cambiando os equipos electromagnéticos convencionais por reactancias electrónicas de dobre nivel, moito máis eficientes. Con este cambio, conseguíuse reducir a potencia das lámpadas sen comprometer os niveis de iluminación esixidos pola normativa vixente.

A maiores, o Concello de Brión instalou un reloxo astronómico para o acendido e apagado destas 66 luminarias, que se fará coincidindo coa hora exacta do amencer e do solpor no lugar de Sabaxáns. Deste xeito, evítanse os acendidos e apagados accidentais que podían provocar as fotocélulas instaladas anteriormente.

Estes traballos están incluídos no proxecto “Renovación de instalación de iluminación exterior 2013. Agrupación de concellos: Lousame, Brión e Ames”, que supuxo un investimento global de 127.000 euros nos tres municipios. Un proxecto liderado polo Concello de Brión e que se desenvolveu no marco do convenio subscrito entre o IDAE e o INEGA, co financiamento de fondos comunitarios derivados programa operativo FEDER-Galicia 2007-2013.

 

3 de decembro de 2013 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.