O Concello da Laracha crea unha nova área de aparcamento no igrexario de Lendo
O Igrexario de Lendo contará cunha nova área de estacionamento de vehículos pública e gratuíta. O Concello da Laracha iniciou as obras que teñen por obxectivo acondicionar unha parcela duns catrocentos metros cadrados de superficie, que é de titularidade municipal e que situada nas inmediacións da igrexa parroquial de San Xiao de Lendo.
Polo seu emprazamento, nunha zona de especial protección ao contar ao seu carón cun templo datado no século XIX, a complexa tramitación para poder levar a cabo as actuacións proxectadas polo goberno local requiriu do informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio para poder levar a cabo as citadas obras.
Deste xeito aumentarase o espazo público reservado para o aparcamento nesta zona, o que é especialmente necesario nas datas de celebración de determinados actos relixiosos e festivos.
Durante o pasado verán o Concello da Laracha xa acondicionara unha extensa área de aparcamento no Cruceiro de Lendo, fronte ao centro sociocultural e moi preto do Igrexario. Neste caso o solar tiña unha extensión máis ampla, duns dous mil metros cadrados, con capacidade para máis dun centenar de automóbiles.
O Concello da Laracha está a realizar un importante esforzo para facilitar o estacionamento no que é o punto da parroquia de Lendo que conta cunha maior afluencia de persoas en datas concretas, pero na que a existencia de terreos que cumprisen as características requiridas para ofrecer dito servizo era moi reducida. Agora, trala actuación municipal xa realizada no Cruceiro e a que se está a acometer no Igrexario, facilitarase a veciños e visitantes o aparcamento en espazos públicos e gratuítos.











