publicidade hoxe

O Concello da Lama elimina barreiras arquitectónicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+

Esta semana foi colocada unha plataforma salva-escaleiras no edificio da Escola Taller do Concello da Lama.

O obxectivo desta actuación é posibilitar o acceso ás persoas con discapacidade e eliminar así calquera tipo de barreira arquitectónica que imposibilite o acceso igualitario a todas as persoas.

O alcalde, Jorge Canda, destaca a importancia desta actuación xa que na Escola Taller lévanse a cabo moitas actividades cos veciños e veciñas, por exemplo, dende hai moitos anos, xa se vén impartindo un curso de formación ocupacional para desempregados, e o ano que vén esperan obter a homologación de dous cursos máis “Operacións auxiliares de servizos administrativos e xerais” e “Actividades de xestión administrativa”, e “Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais” para seguir dando formación ás persoas que o precisen.

Tamén se levan a cabo nese centro outras actividades organizadas polos servizos sociais, como por exemplo, o curso de formación en competencias clave 2, que se realiza este ano, para perceptores de RISGA, e actividades do Centro de Información á Muller, como a recente conmemoración do 25N cunha charla sobre violencia de xénero, a charla sobre Alzheimer a través do plan de sensibilización da Deputación de Pontevedra, etc.

E por suposto os obradoiros de emprego, onde os veciños e veciñas se forman e traballan nunha ocupación determinada, facilitándolles a experiencia laboral nun perfil profesional novo para eles.

A instalación da plataforma salva-escaleiras foi posible grazas ao co-financiamento ao 50% entre o Concello da Lama e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A empresa instaladora foi Automatismos Corten S.L.

4 de decembro de 2013 | 10:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.