O Concello da Coruña oferta un total de 2.672 prazas nas actividades deportivas do Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O concelleiro de Deportes, Francisco Mourelo, presentou hoxe o programa de actividades deportivas de Nadal que este ano aumenta a súa oferta de prazas até alcanzar as 2.672, das que 2.152 dedicaranse a campus, cursos e campamentos e 520 a eventos deportivos como torneos, trofeos ou exhibicións. “Seguimos incrementando as prazas co obxectivo de facilitar que as familias concilien a vida familiar e laboral en período de vacacións e para animar aos coruñeses de todas as idades a que aproveiten o seu tempo libre para a práctica deportiva e a adquisición de hábitos de vida saudables”, destacou Mourelo, quen explicou que as actividades, dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 3 e os 60 anos, desenvolveranse en diferentes puntos da cidade entre o 14 de decembro e o 12 de xaneiro “e porán especial atención á diversidade, con actividades dirixidas a colectivos de discapacitados” sinalou.

O concelleiro anunciou que este ano o Concello da Coruña presenta unha oferta variada coa organización de 30 modalidades deportivas que pasan por deportes con máis practicantes habituais como baloncesto, ciclismo, fitness, fútbol, natación ou patinaxe; pasando por deportes náuticos como mergullo, vea lixeira ou windsurf; ou deportes na natureza como escalada ou hípica.

Ademais, prográmanse un total de 82 actividades diferentes, 30 máis que en 2012: 25 eventos deportivos, 57 campus, cursos e campamentos. “É unha oportunidade única para iniciarse nunha modalidade deportiva xa que se expoñen 20 cursos e 9 xornadas, ademais de 22 campus”, explicou o concelleiro, quen destacou eventos como o Campionato de Seleccións Territoriais Femininas Sub16 e Sub18 de fútbol, o Día da Bici, a San Silvestre ou o Teresa Herrera de Minibasket.

Francisco Mourelo sinalou que estas actividades, nas que participan 30 entidades da cidade, desenvolveranse en diferentes espazos “desde o Palacio Municipal de Deportes de Riazor ao paseo marítimo, pasando polos polideportivos coruñeses ou a praia de Oza” e que están enfocadas a público de todas as idades. “Son un total de 28 equipamentos -continuou- entre as 20 instalacións municipais, 5 espazos ao aire libre e 3 instalacións de entidades deportivas como un exemplo máis da colaboración que se dá durante todo o ano entre o Concello e as entidades deportivas da cidade, xa sexa cedendo equipamentos para que realicen as súas actividades ou colaborando cos eventos deportivos de deporte basee con medios materiais, infraestruturas e trofeos”.

A inscrición debe realizarse entre os días 6 e 19 de decembro a través da web municipal (www.coruna.es/deportes) ou nas oficinas das propias entidades, cos seus propios prazos e procedementos. “Fíxose un esforzo para que todo o mundo poida participar nas actividades. Por iso temos actividades gratuítas e outras con distintos prezos alcanzando os 15 euros de máximo que custa, por exemplo, cada sesión de hípica”, explicou Mourelo.

Por outra banda, o concelleiro de Deportes lembrou que até o 13 de decembro todos nenos e nenas da cidade poderán participar no concurso infantil de postais do Nadal coa temática do deporte en Nadal. A postal gañadora será a imaxe coa que a Concellaría de Educación, Deportes e Mocidade felicitará o Nadal 2013/14.

5 de decembro de 2013 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.