O Concello da Coruña inviste 140.000 euros na reforma dos vestiarios do campo de fútbol A Grela I
O Concello informa da adxudicación da reforma dos vestiarios do campo de fútbol A Grela I. A Concellaría de Deportes investirá 139.997 euros no proxecto, o que supón un aforro do 28,4% -en concreto, 55.612 euros- con respecto ao orzamento de licitación. As obras, que se realizará tras o parón nas competicións, teñen un prazo de execución de 3 meses.
O departamento municipal que dirixe Francisco Mourelo decidiu pór en marcha este proxecto porque os vestiarios actuais quedáronse desfasados para a práctica do fútbol basee -o campo da Grela I, situado na rúa Galileo Galilei, construíuse en 1991-. Os novos vestiarios situaranse na localización actual, debaixo da bancada do edificio deportivo e cunha superficie construída de
240 metros cadrados.
Ao adaptarse as novas instalacións ao edificio existente, o proxecto céntrase na reforma interior total do inmoble. A nova proposta inclúe catro vestiarios coa súa correspondente zona de duchas e aseos, un vestiario destinado aos árbitros -con ducha e aseo-, zona de aseo masculino e feminino para uso público, sala de caldeiras, zonas comúns e dous almacéns para gardar produtos de limpeza, de equipamento deportivo e para o mantemento do campo. O obxectivo do proxecto é dispor de instalacións deportivas máis funcionais, para un uso polivalente e que faciliten a participación dun maior número de usuarios no campo de fútbol da Grela I.
Este proxecto enmárcase dentro da aposta do Concello pola mellora das instalacións deportivas da cidade, un plan estratéxico que supón en 2013 un investimento de 1,67 millóns de euros e cuxos principais obxectivos son os barrios e a recuperación de instalacións emblemáticas da cidade. Neste sentido, ademais da creación de novos espazos deportivos -como o campo de fútbol Cruyff Court en Novo Mesoiro para deporte basee e de discapacitados-, o Goberno municipal fomenta a recuperación de equipamentos xa existentes, como o complexo de Riazor e a Cidade Deportiva da Torre.











