O Concello da Coruña informa ao Consorcio das Mariñas sobre a situación de Nostián para garantir o futuro da planta

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, presidiu esta mañá unha reunión co presidente do Consorcio das Mariñas, José Antonio Santiso Miramontes, e co alcalde de Culleredo, Xullo Sancristán, na que tamén participaron os concelleiros Enrique Salvador e Rosa Galego, ademais de responsables de Medio Ambiente, Intervención e Asesoría Xurídica do Concello. Este encontro de traballo permitiu avanzar na aposta de ambas as administracións polo modelo de xestión de residuos da planta de Nostián. Unha vez os técnicos analicen toda a información, o obxectivo é contar cun informe definitivo a principios de 2014 que servirá de punto partida para expor propostas de futuro para a instalación.

O Concello da Coruña aproveitou esta reunión técnica para informar o Consorcio das Mariñas da situación actual da planta de Nostián. Os responsables do ente supramunicipal han agradecido ao actual equipo de goberno en María Pita que lles permitan colaborar neste proxecto, pois en anteriores etapas nunca lles facilitaron información sobre a planta de reciclaxe. O Executivo coruñés aposta pola transparencia e pola vocación metropolitana do modelo de Nostián.

Os técnicos de Concello e Consorcio das Mariñas analizarán agora de maneira conxunta toda a información co obxectivo de elaborar un informe definitivo para principios do próximo ano. Unha vez estea concluído este estudo técnico, empezaranse a expor propostas e solucións que melloren o funcionamento da planta de Nostián e garantan o seu futuro. Neste sentido, tanto Concello como Consorcio das Mariñas defenden o modelo de tratamento de residuos sólidos urbanos de Nostián para a cidade da Coruña e a súa área metropolitana.

A reunión de traballo desta mañá no Palacio Municipal de María Pita é froito do acordo alcanzado o pasado mes de novembro entre o alcalde, Carlos Negreira, e os responsables do Consorcio das Mariñas para crear unha comisión técnica, económica e xurídica que se encargue de analizar os datos presentados polas auditoras co fin de facer un bo diagnóstico e tratamento. O Concello avoga pola colaboración do Consorcio -que xera o 40% dos residuos que se tratan en Nostián- para reafirmar o seu compromiso co modelo de reciclaxe e para buscar as marxes de mellora da planta.

17 de decembro de 2013 | 19:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.