O Concello da Coruña comeza a recuperación de 4.290 metros cadrados de espazos públicos entre Labañou e Os Rosales

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Infraestruturas, informa de que mañá, mércores 4 de decembro, dentro do seu plan de rehabilitación de espazos públicos da cidade, arrincará o proxecto de mellora dunha superficie aproximada de 4.290 metros cadrados, situada xunto ás rúas do Piñeiro e Canteira, entre os barrios de Labañou e Os Rosales. O Goberno municipal aproveitará a execución destes traballos para recuperar o cruceiro existente na zona, catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).

O principal obxectivo desta nova actuación do departamento que dirixe Martín Fernández Prado, cun orzamento de licitación de 241.982 euros, é ofrecer espazos públicos de calidade aos veciños dos barrios de Labañou e Os Rosales. Ademais de proxectar beirarrúas que melloren a mobilidade peonil, tamén se aproveitará para colocar 15 prazas de aparcadoiro en liña. En total, rehabilitaranse 4.290 metros cadrados, un espazo situado ao sur das rúas do Piñeiro e Canteira. As obras teñen un prazo final de execución de 6 meses.

A Concellaría de Infraestruturas inclúe neste proxecto a limpeza e roza da capa vexetal, o que permitirá a realización de gabias para a construción dunha nova canalización de pluviais e abastecemento de auga -conectada coa rede xeral- e dunha nova rede de iluminación pública, así como a substitución e retranqueo da liña de baixa tensión aérea por outra subterránea.

O cruceiro de Labañou, elemento catalogado como Ben de Interese Cultural, permanecerá no seu lugar actual tras os traballos de recuperación, mantendo tamén o muro de mampostería que lle fai de fondo, aínda que modificando o pavimento -colocarase cantaría de granito-. O proxecto completarase coa creación dunha pradaría, a plantación de lagunarias, a limpeza do arboledo, a subministración e colocación do mobiliario e a reposición dos servizos afectados.

3 de decembro de 2013 | 10:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.