O Concello da Coruña avanzará na renovación do paseo marítimo co tramo entre a rúa Pondal e a Coraza
A Xunta de Goberno Local continúa adiante co seu plan de reordenación do bordo litoral, ao autorizar a licitación do tramo comprendido entre a rúa Pondal e a Coraza que separa as praias de Riazor e Orzán, un investimento que alcanza os 847.257 euros. Na sesión desta mañá tamén se deu luz verde á instalación de 11 ascensores na cidade e aprobouse o estudo de detalle para o equipamento deportivo proxectado en Matogrande.
PASEO MARÍTIMO
O Concello pon en marcha a quinta fase do proxecto de renovación do paseo marítimo coruñés, coa autorización, por parte da Xunta de Goberno, para sacar a concurso o tramo entre a rúa Pondal e a Coraza. O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, lembrou que xa se executaron tres fases (a pavimentación e colocación de varanda na zona das Escravas; a remodelación da Coraza; e a instalación da escalinata nas inmediacións da Praia Club) e unha cuarta fase (o tramo da zona das Escravas) está en licitación.
As novas obras, cun orzamento de 847.257 euros, teñen un prazo de execución de 10 meses. O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas explicou que se trata dunha tramitación anticipada do expediente para axilizar a execución do proxecto, polo que o obxectivo é empezar os traballos en 2014 para que estean terminados en 2015.
Fernández Prado destacou que o novo proxecto axústase ao concurso de ideas para a renovación do bordo litoral, unha convocatoria á que se presentaron 83 propostas e da que se concluíu que era necesario achegar o peón á praia; mellorar a perspectiva visual desde o paseo; e aproveitar espazos singulares como a Coraza.
Baixo estas premisas, o Concello sacará a concurso esta nova fase do proxecto, onde a solución graduada en forma de miradoiro volve ser unha das grandes protagonistas. Así, o tenente de alcalde explicou que para salvar o desnivel actual entre o paseo e a praia, instalaranse novos tramos de bancada, que estarán ancorados ao muro do paseo e que cumprirán unha dobre función: mellorar a accesibilidade ao areal e como zona de estancia para goce da praia por parte dos cidadáns. O proxecto tamén recolle a substitución das duchas e dos lavapiés situados xunto ás rúas Modesta Goicouría e Pondal, que será de aceiro inoxidable.
Infraestruturas inclúe ademais a eliminación da balaustrada actual e das 21 columnas de iluminación que se atopan sobre esta estrutura; mentres que no tramo entre a Coraza e o punto de acceso máis próximo á praia de Riazor proxéctase unha varanda de bronce de idénticas características á que está colocada na Coraza. O obxectivo é facilitar a visión do mar desde o propio paseo e evitar a resistencia que a balaustrada actual xeraba ao mar en días de forte ondada e que provocou a caída dun tramo en novembro de 2010.
Para favorecer a accesibilidade á praia e pór fin ás barreiras arquitectónicas do pasado, o Goberno local programa unha serie de actuacións:
– No acceso próximo á Coraza, colocarase unha rampla de formigón impreso -cunha pendente do 6%- para substituír unha das escaleiras de acceso á praia; mentres que outra escaleira modifícase para que sexa perpendicular ao muro do paseo.
– No acceso máis próximo á rúa Pondal, modifícase a rampla actual para que o pendente pase do 18,5% ao 6% de desnivel. Ademais, a escaleira tamén se modifica para que sexa perpendicular ao paseo.
– Se recrecen o tres plataformas que se atopan baixo os accesos actuais para reducir a cota entre o paseo e o areal.
LICENZAS URBANÍSTICAS
A Xunta de Goberno concedeu esta mañá licencias urbanísticas que suporán un investimento na cidade de 2,98 millóns de euros, o que eleva a cantidade desde o inicio do mandato até os 269,2 millóns -dos que 94,3 millóns corresponden a 2013-
Entre os permisos aprobados, destaca a instalación de 10 ascensores -a rolda de Outeiro, a avenida de Xeneral Sanjurjo e as rúas Alfredo Vicenti, Pío XII, Ramón da Sagra, Forcarey, San Vicente, Mercé, Rianxo e Vila de Negreira- e a substitución doutro máis en cálea Oleoduto.
A aprobación das licenzas para a instalación e substitución de 11 ascensores enmárcase dentro da aposta do actual equipo de goberno pola rehabilitación e a accesibilidade. Nas xuntas de goberno de 2013, concedeuse permiso para instalar ou reformar un total de 101 ascensores. Estes acordos permiten a supresión de barreiras arquitectónicas, licenzas que se suman a outras medidas impulsadas desde o Concello, como a convocatoria de subvencións para a colocación de elevadores. Nos orzamentos de 2014 existe unha partida dun millón de euros no Plan de Ascensores, un 11% máis que este ano.
O Concello informa de que, no que vai de mandato, desde o 1 de xullo de 2011, celebráronse un total de 71 sesións da Xunta de Goberno Local, nas que se concederon licenzas por importe de 269,2 millóns de euros, é dicir, case 3,8 millóns de euros de media por sesión.
O Goberno local destaca que, nun momento no que a situación económica está a pasar factura non só aos veciños, senón tamén a moitas cidades e localidades, o Concello coruñés está a realizar un gran esforzo co fin de axilizar os trámites administrativos que permitan tanto o inicio de novas obras como a posta en marcha de negocios, co fin de xerar emprego na cidade e reactivar a economía.
POLIDEPORTIVO DE MATOGRANDE
A Xunta de Goberno Local aprobou de maneira inicial o estudo de detalle para a ordenación de volumes para a ampliación do equipamento deportivo de Matogrande, xestionado por EMVSA, creando un acceso principal fronte á rúa Enrique Mariñas, un percorrido peonil con posibilidade de circulación restrinxida de vehículos e a configuración de espazos públicos na contorna.
MEDIO AMBIENTE
O Concello demostrou unha vez máis o seu compromiso co medio ambiente coa aprobación da Estratexia contra o Cambio Climático (Plan de Acción da Enerxía Sustentable da Coruña 2014-2020) e a súa remisión á Oficina do Pacto dos Alcaldes, un proxecto europeo no que participan máis de 2.800 municipios e co que o Concello se compromete, no horizonte de 2020, a reducir polo menos nun 20% as emisións deCO 2 e nun 20% o consumo enerxético e aumentar nun 20% o uso de enerxías renovables.
A adhesión da Coruña no Pacto dos Alcaldes significa o compromiso de preparar un inventario de emisións de referencia e a presentar un Plan de Acción de Enerxía Sustentable coas accións craves que se planean levar a cabo. Coa aprobación da Estratexia contra o Cambio Climático, o Goberno municipal ratifica a súa aposta por unha cidade máis verde e ecolóxica.
A Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña expón 8 plans de actuación, 13 programas e o desenvolvemento de 53 medidas para lograr os obxectivos expostos:
-Plan de Medidas Transversais.
-Plan de Mobilidade Sustentable.
-Plan de Xestión da Enerxía.
-Plan de Edificación e Planificación Urbana.
-Plan de Xestión de Residuos.
-Plan de Participación e Sensibilización.
-Plan de Cooperación ao Desenvolvemento.
-Outros plans (industria e comercio)
As liñas de actuación enunciadas en cada plan e programa teñen un dobre propósito: por unha banda, reforzar as iniciativas xa postas en marcha polo Concello; e polo outro, desenvolver áreas novas de acción onde poidan non estar cubertas por plans específicos.
A Concellaría de Medio Ambiente xa puxo en marcha este ano a Oficina contra o Cambio Climático, que pretende desenvolver os compromisos establecidos tras a adhesión do municipio ao Pacto dos Alcaldes, así como para velar pola efectiva implantación e seguimento da súa Estratexia contra o Cambio Climático da Coruña. Neste sentido, Fernández Prado lembrou que esta oficina de recente implantación permite:
– Asesoramento ao cidadán. Ofrécese unha vía de asesoramento dirixida ao cidadán en xeral e aos membros da Rede de Enerxía Sustentable para facilitar a implantación de medidas de redución de emisións deCO 2 nos diferentes sectores de actividade.
– Dinamización da Rede de Enerxía Sustentable. Esta oficina responsabilízase do mantemento da web da Rede, a creación dunha rede social en Twitter e en Facebook, a elaboración dun Boletín de Noticias, a organización dun encontro anual, e a organización de varios talleres de traballo ao longo do ano.
– Apoio ao Pacto dos Alcaldes. Entre as súas actividades a desenvolver, a Oficina contra o Cambio Climático tamén se encarga da supervisión e informe de evolución do cumprimento dos obxectivos do Pacto dos Alcaldes e da Estratexia contra o Cambio Climático; avaliación en termos deCO 2 daqueles proxectos municipais desenvolvidos durante 2012-2013 que poidan ter influencia significativa ao cambio climático; desenvolver unha proposta de adaptación das estruturas municipais ao Pacto dos Alcaldes; realización de actividades de difusión interna e externa (cursos, xornadas ou concursos); apoio ao mantemento da ISO 50001 nos edificios municipais; apoio da implantación de campañas internas e externas de comunicación xa existentes; ou a elaboración dun informe de tarefas desenvolvidas cada mes e do informe final co conxunto das actividades executadas, alcance das mesmas, grao de participación e satisfacción cidadá.











