O Concello da Coruña aprobará no pleno o estudo de detalle da escola infantil da Sardiñeira
O Concello da Coruña dá un paso definitivo no proxecto de construción da escola infantil da Sardiñeira. O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Martín Fernández Prado, anunciou que ao pleno municipal, previsto para o 23 de decembro, leva a aprobación definitiva do estudo de detalle do novo centro educativo, requisito indispensable previo á solicitude de licenza de construción. Na sesión do próximo luns tamén se autorizará o cambio de uso da parcela (de educativo a educativo-asistencial), cumprindo así todos os trámites administrativos.
O Concello aproba definitivamente o estudo de detalle para a ordenación de volumes e fixar as condicións estéticas deste equipamento docente na Sardiñeira que se inclúe dentro do Plan Educa e da colaboración do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e do Executivo local. Tras a súa aprobación de maneira inicial na Xunta de Goberno do 6 de setembro, o estudo de detalle non recibiu alegacións durante o período que estivo a exposición pública.
Para completar a tramitación administrativa do expediente, o pleno do próximo luns tamén aprobará o cambio de uso da parcela para axustarse ás directrices do proxecto. Os terreos pasarán de uso educativo a uso educativo-asistencial, tamén de titularidade pública, cumprindo así a Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.
A nova escola infantil situarase nunha parcela de 2.480 metros cadrados xunto ao instituto da Sardiñeira. Contará con seis módulos e 82 prazas. O proxecto final consistirá nunha plataforma única similar á das pistas polideportivas lindeiras, cunha altura máxima de 7 metros. Con esta solución, os técnicos queren favorecer a mobilidade no interior do inmoble e evitar barreiras arquitectónicas, ademais de apostar por aproveitar os espazos vacantes na edificación para resolver as necesidades de acceso peonil e destinalos a espazos axardinados.
O Goberno local demostra así o seu compromiso coa educación pública e axiliza a tramitación administrativa deste expediente que permitirá construír esta nova escola infantil e atender a demanda da Sardiñeira e Vos Mallos de contar con novos equipamentos educativos e de calidade.
Fernández Prado destacou que a escola infantil súmase a outras dúas que xa están programadas para esta lexislatura: na Grela e no Agra do Orzán. Neste último caso, o Concello adxudicou a construción da escola infantil que se levantará na parcela do CEIP Raquel Camacho: un total de 6 aulas para 94 alumnos e un investimento final de 738.221 euros financiada a través dos fondos europeos do Plan Urbana C. O tres novas escolas infantís permitirán incrementar nun 40% a oferta de prazas dispoñibles ao final deste mandato.
O tenente de alcalde lembrou que o Goberno local, como xa demostrou en 2013, reafirmará en 2014 o seu compromiso cun sistema educativo de calidade. Así, no orzamento do próximo ano, as partidas dirixidas ás escolas infantís municipais (EIM) e proxectos de mellora e acondicionamento dos centros educativos alcanzan os 2 millóns de euros, sen contar outros 440.000 euros que se recollen para reparacións doutros edificios que corresponden ao departamento municipal de Educación.
PEDRALONGA
O tenente de alcalde de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas tamén avanzou que o seu departamento leva ao pleno para a súa aprobación o cambio de uso da parcela cedida á Asociación Down Coruña en Pedralonga. Para implantar un centro destas características é preciso ampliar a actual asignación da parcela -uso docente público- para que sexa de uso asistencial e/ou docente público, de forma que se poida implantar calquera das dúas categorías neste equipamento de Pedralonga.
O Concello, a Deputación e a Asociación Down Coruña asinaron en novembro un convenio para o financiamento das obras de adecuación do novo local. Desta maneira, o Concello cedeu á entidade esta instalación, mediante unha concesión demanial gratuíta, por un prazo de 75 anos. O Goberno municipal cumpre unha vella demanda desta institución fundada no ano 2000 por 19 familias e que xa conta na actualidade con máis de 80.
As administracións municipal e provincial financiarán as obras do novo local para a asociación, consistentes na construción dun novo edificio e a rehabilitación do xa existente situado no colexio Pedralonga. O orzamento total da execución destes traballos ascende a 800.628 euros, financiados ao 50% entre Concello e Deputación.
O novo centro, cunha parcela de case 2.000 metros cadrados, contará con dúas plantas. As obras, cun prazo de execución dun ano, estarán finalizadas no primeiro trimestre de 2015, e incluirán a rehabilitación de 300 metros cadrados do actual edificio e a construción doutros 500 metros, resultando
un edificio de 800 metros cadrados construídos.
O obxectivo principal da entidade é o de realizar todas cantas actividades contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en xeral, e con síndrome de down en particular, e a das súas familias, a través da integración social. O novo centro contará ademais cun espazo para uso veciñal.











