publicidade hoxe

O Concello da Coruña adxudica o aparcadoiro do Materno Infantil e do Centro Oncolóxico

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Empresa Municipal Vivenda, Servizo e Actividades (EMVSA), informa da adxudicación do aparcadoiro do Materno Infantil e do Centro Oncolóxico, unha infraestrutura que dará servizo a máis de 1.500 usuarios ao día. COPASA é a empresa adxudicataria cun orzamento de 3,5 millóns de euros.

A solución proposta contempla un aparcadoiro de 306 prazas, 8.591,65 metros cadrados de superficie construída, con catro plantas en semisótano, situado baixo o viario que dá acceso ao Centro Oncolóxico de Galicia desde a avenida da Pasaxe. Terá un total de dous accesos e dúas saídas situadas nas plantas 0, -1 e -3, o que ofrece vantaxes para o funcionamento interno do aparcadoiro á vez que mellorará a fluidez do tráfico exterior.

Das 306 prazas, 32 resérvanse para persoas con mobilidade reducida, 16 para familias con carro de bebé e o resto para vehículos grandes. A distribución por plantas será a seguinte:

– Planta 0: 67 prazas
– Planta -1: 78 prazas
– Planta -2: 80 prazas
– Planta -3: 81 prazas

A proposta expón a posibilidade de utilizar a parte da cuberta como aparcadoiro co fin de ampliar o número de prazas noutras 55 e comprométese á execución dunha pasarela para conectar, directamente, o aparcadoiro coa pasarela existente sobre a avenida da Pasaxe que dá acceso ao Hospital Materno Infantil.

O aparcadoiro en semisótano permite un menor impacto ambiental e, por tanto, unha infraestrutura máis sustentable grazas ao aproveitamento da ventilación e iluminación natural. Ademais, intégrase na contorna, creando unha zona pública na cuberta e favorecendo que as escaleiras e ascensores de conexión co aparcadoiro sexan de uso público para dar accesibilidade a todas as persoas desde a parte superior do viario, onde se atopa o centro Oncolóxico de Galicia, coa parte inferior que dá acceso ao Hospital Materno Infantil. Unha rotonda facilitará e reducirá os percorridos de conexión entre o aparcadoiro e a entrada e saída á cidade.

Con esta adxudicación, o Concello da Coruña cumpre co seu compromiso e dá resposta a unha vella demanda tanto dos coruñeses como dos usuarios de ambos os complexos sanitarios dando  solución a un problema de falta de prazas de estacionamento que existe na zona desde máis de 20 anos e que, ademais, significa mellorar a mobilidade nos arredores e nos accesos a ambos os centros sanitarios. A previsión é poder comezar as obras a principios de 2014 co obxectivo de que estea operativo no primeiro trimestre de 2015. A Dirección Xeral de Aviación Civil tamén deu recentemente o visto e prace ao proxecto que desenvolve EMVSA, o que significa que, no caso de que a demanda así o indique, poderase no futuro executar a segunda fase con dúas plantas de aparcadoiro en superficie.

30 de decembro de 2013 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.