publicidade hoxe

O Concello cede un local á ONG Ecos do Sur para que desenvolva os seus programas de integración social

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña, a través da Xunta de Goberno Local, acordou a cesión dun inmoble de titularidade municipal á ONG Ecos do Sur para que poida utilizalo para fins sociais. O Executivo coruñés atende así a unha petición realizada por esta entidade, que necesitaba unha oficina na zona de Labañou.

O local, de 115 metros cadrados, sitúase no número 404 da Rolda de Outeiro, no Grupo de Vivendas da Carmen, e dispón de tres despachos con mobiliario de oficina, un aseo, un almacén e unha sala. O establecemento, de titularidade municipal, será utilizado por Ecos do Sur para a prestación de servizos especializados de asistencia social á poboación inmigrante e para aquelas familias, en xeral, que se atopen en risco de exclusión.

O Concello cede de forma gratuíta o local por 12 meses, prorrogable até catro anos. O Goberno municipal aprobou este acordo en Xunta de Goberno dentro da súa política de colaborar coas entidades sociais da cidade que axudan ás persoas que máis o necesitan, como é o caso de Ecos do Sur, que destaca polo seu labor no ámbito migratorio a través do asesoramento, a formación e a orientación, e na loita contra a exclusión social.

14 de decembro de 2013 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.