O complexo deportivo A Granxa de Verín contará cunha nova pista de pádel
Durante as últimas xornadas, o Concello de Verín está a construír unha nova pista de pádel na zona deportiva de A Granxa, co obxecto cubrir a demanda existente entre as persoas que practican este deporte.
A mesma, que entrará en funcionamento antes de final do ano, está construída segundo a normativa da Federación Española de Pádel co obxecto de cumprir coas medidas regulamentarias e os requisitos esixidos durante o seu proceso de construción: movemento de terras, cimentacións, montaxe de estruturas, montaxe de vidros, colocación de céspede, pintura e equipamento e instalación eléctrica.
A construción desta nova pista busca solventar o peche das outras dúas pistas de pádel do recinto que se atopan pechadas por deficiencias estruturais, alleas á xestión do ente municipal, e que serán solucionadas nos próximos meses. Esta nova pista estará dotada dun novo sistema eléctrico que permitirá a utilización da instalación nos horarios de menos luz, ademais dun sistema de estructuras modulares para a colocación dunha cuberta, que facilitará o seu uso por parte dos/as deportistas cando as condicións meteorolóxicas sexan adversas. O custe desta obra, que ascende aos 30.000 euros, correrá a cargo da Deputación de Ourense e o Concello de Verín.











