O ciclo “As noites en capela” inaugura decembro coa música instrumental do grupo “2us”
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, continúa en decembro co ciclo de “As Noites en Capela”, que todos os xoves do mes e a partir das 21:00 horas ten lugar no auditorio do Centro Cultural Municipal Torrente Ballester. Así, maña, xoves 5, esta oferta cultural ofrecerá a actuación do grupo 2uS. A entrada pódense adquirir de maneira anticipada no despacho do Teatro Jofre ou a través da páxina web: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
2uS (Dous) son un grupo de música popular e instrumental en toda a extensión da etiqueta. Sons da terra concentrados nestes artistas que forman esta orixinal proposta. Cando se escoitan as súas cancións en directo, 2us nos lembran que este planeta é tan grande ou pequeno como sexamos capaces de imaxinar. A súa música tense que escoitar, sentir e deixarse levar ata as vodas de Bulgaria, as romaría de Galicia, os poboados de África, as praias de Brasil ou os clubs de Chicago. Espontánea, feliz e plural, pero sempre coa identidade destes dous instrumentistas de infinito gusto polo diferente.
Así mesmo, as vindeiras actuacións do ciclo “As Noites en Capela” son as seguintes:
– día 12: “Stanich + Quant”
– día 19: “Transilvanians”
– día 26: “Moondogs Blues Party + En Casa del Herrero”











