O Centro Cultural Carvalho Calero acolle a mostra “Querido Balbino 1961-2011. 50 anos de memorias dun neno labrego”
A Concellería de Normalización Lingüística, dirixida por Martina Aneiros Barros, informou da exposición Querido Balbino 1961-2011. 50 anos de Memorias dun neno labrego, que se pode visitar ata o 20 de decembro no Centro Cultural Carvalho Calero. Esta mostra organizada polo Concello de Ferrol, conta coa colaboración das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria. Querido Balbino poderá ser visitada en horario de 10 a 14 e de 17 a 20 horas.
A edil ferrolá explicou que “pretende homenaxear a figura de Balbino, unha das emblemáticas da literatura galega contemporánea”. A exposición articúlase en torno a dous eixes que guían ao espectador a través dun túnel de vitrinas. Dun lado, aparece representada a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos relevantes da súa biografía. Doutro, diversos documentos e materiais amosan o periplo seguido polo propio libro e polo protagonista. Así, a mostra lembra as edicións, as adaptacións teatrais e audiovisuais que tomaron como referencia Memorias dun neno labrego, da que se levan sacado do prelo máis de 600.000 exemplares a día de hoxe, e conta cunha parte audiovisual.
Charla-coloquio de Neira Vilas para escolares
Esta mostra-homenaxe presenta tamén trece obras pictóricas de autores galegos, inspiradas no protagonista de Memorias dun neno labrego. A visita inclúe un catálogo explicativo e ilustrado por comentarios aparecidos ao longos destes 50 anos de vida da obra e exhibe un documento único: a Carta a Balbino que Xosé Neira Vilas lle dedicou ao seu “fillo” literario. Ademais, se celebrará unha charla-coloquio co autor Xosé Neira Vilas e que estará dirixida ao alumnado de bacharelato e 4º de ESO. Dita charla terá lugar o vindeiro venres 19 ás 12:00 horas no salón de actos do CC. Carvalho Calero.











