O CEIP da Ramallosa entrega alimentos por máis de 800 euros ao banco veciñal de alimentos de Teo
Moitos pais e nais do alumnado do CEIP da Ramallosa teñen este ano nas súas casa un calendario moi especial. Trátase dun calendario con imaxes de actividades realizadas polos seus fillos e fillas no colexio pero ademais é unha iniciativa solidaria. Grazas á realización e venda deste material o CEIP da Ramallosa fíxolle entrega ó Banco Veciñal de Alimentos de Teo de produtos por un valor superior ós 800 euros.
Esta iniciativa é unha idea do Equipo de Normalización Lingüística do centro, coordinado por Nora Pousa. Acordaron facer un calendario no que aparece en cada mes unha imaxe dun evento, dunha actividade de cada mes ademais de recoller refráns ou datas sifnificativas. Deste xeito aparecen os maios, o mes do libro, o entroido, o samaín…
Unha vez en marcha dende o colexio decidiron vendelo por un prezo de seis euros e os cartos recadados destinalos a unha iniciativa solidaria. Nesta ocasión foi o Banco Veciñal de Alimentos de Teo, que funciona grazas ó traballo de voluntarios e voluntarias e das doazóns de particulares e empresas comerciais do Concello.
Nos últimos días a directora do CEIP da Ramallosa, Pura Arca, o xefe de estudos, Manuel Ferreirós e a coordinadora do equipo de normalización lingüística, Nora Pousa fixeron entrega simbólica desta importante doazón ó edil de Benestar, Ignacio Iglesias e á concelleira de Educación, María Álvarez Garea.
O Banco Veciñal de Alimentos de Teo atende a máis dunha ducia de familias cunha entrega semanal. Unha das súas particularidades respecto doutras iniciativas de entrega de alimentos é que no seu reparto se inclúen produtos frescos como verdura, froita ou carne e peixe. Para colaborar co BVA de Teo só hai que poñerse en contacto co Concello a través do 981 809 707.











