O CCA Carballo presenta unha tarxeta regalo de 20, 30 ou 50 euros para as compras nos comercios asociados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Presentación da campaña

Presentación da campaña

O Centro Comercial Aberto Carballo presenta unha tarxeta regalo que dende hoxe xa está a disposición dos veciños e veciñas nos establecementos asociados á entidade. Trátase dun vale por valor de 20, 30 ou 50 euros para regalar como agasallo e que se pode cambiar por un ou varios artigos polo seu importe nos comercios que forman parte do CCA. Segundo explica María del Carmen Freire, xerente da entidade, “ás veces regalar é complicado e resulta difícil decidirse”, por iso, con esta tarxeta preténdese facilitar este labor á clientela. As tarxetas son acumulables, sendo o mínimo que se pode regalar 20 euros, pero sen que exista un máximo, xa que poden regalarse catro tarxetas de 50 euros, dúas de 30 e unha de 20 euros, etc.

Hai que subliñar que os vales non teñen data de caducidade e que, ademais, contan cun espazo para incluír unha dedicatoria. Freire sinala que “a idea é que se cree un circuíto no que calquera compre non establecemento que queira”. Nesta primeira fase da iniciativa, que abrangue a campaña de Nadal, pero que pretende manterse ao longo de todo o ano para que os clientes aproveiten ocasións como aniversarios, vodas, etc., téñense editado 500 tarxetas de cada contía, ata chegar ás 1.500 por valor de 50.000 euros. Hai que aclarar que a tarxeta pode mercarse en calquera establecemento do CCA e intercambiarse tamén en calquera, e que o obxectivo é que a cantidade íntegra de cada vale se consuma nun mesmo comercio. Tamén hai que mencionar que cada tarxeta está numerada para poder controlar a súa xestión dende o CCA e que se entrega nunha coidada “caixa regalo”. A entidade espera que a clientela atope útil a iniciativa, especialmente pola grande variedade de establecementos que participan no proxecto.

Pola súa banda, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, cualifica a proposta como “unha boa idea que pode xerar novos comportamentos á hora de comprar e agasallar”. Así mesmo, considera positivo que sexa “un acerto que transcenda a temporalidade do Nadal” e que continúe durante todo o ano. Por último, desexou que esta Tarxeta regalo teña tanto éxito como outras propostas do CCA e que sirva para “xerar vida económica” e para conseguir, non só “que a xente veña a Carballo e compre en Carballo”, senón tamén para que “entre todos consigamos que o comercio local sexa unha referencia”.

20 de decembro de 2013 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.