O campo municipal de Brión acolle un partido benéfico entre o Bastavales UD e xogadores de 3ª División

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBriónDeportes
A-
A+

O campo municipal de Brión acollerá mañá sábado 28 de decembro, a partir das 16:00 horas, a segunda edición do partido benéfico organizado polo Bastavales UD para recoller alimentos non perecedoiros destinados á campaña “Brión solidario”, que facilita alimentos ás familias máis necesitadas do municipio. Non se cobrará entrada, pero para acceder ao campo é preciso doar algún alimento non perecedoiro e correctamente empaquetado: pastas, aceites, conservas, legumes, cereais, leite…

A iniciativa comezará ás 16:00 horas cun partido de exhibición da categoría benxamín do Bastavales UD. A partir das 16:30 horas, comezará o partido benéfico entre o Bastavales UD e un combinado de xogadores de 3ª División, que será arbitrado por Enrique Ramos Ferreirós, colexiado de Primeira División.

Os alimentos que se recollan durante este partido serán entregados aos Servizos Sociais do Concello de Brión para colaborar coa campaña de recollida de alimentos “Brión solidario”. Unha campaña na que tamén colaboraron durante toda a semana recollendo alimentos nos establecementos Bar Casa Isorna, Restaurante O Padriño e Casa Botana.

27 de decembro de 2013 | 13:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.